"SE A XUNTA DE GALIZA REALMENTE APOIA AO RURAL DEBE AFRONTAR OS PROBLEMAS DA VECIÑANZA QUE NEL VIVE E APORTAR FONDOS PARA COMPLETAR A REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA " AFIRMA OLGA GARCÍA.
O BNG aposta polo desenvolvemento da rede de abastecemento de auga en Castro de Rei
Os nacionalistas presentaron enmendas aos orzamentos da Xunta 2024 para mellorar a rede de abastecemento de auga no concello de Castro de Rei
Castro de Rei, 05 de decembro de 2023. O BNG presentará, no Parlamento galego enmendas aos orzamentos da Xunta para que se aporten os fondos precisos para completar a rede de abastecemento de auga no concello de Castro de Rei.
Segundo o PXOM as parroquias de Ludrio, Triabá, Dumpín, Mondriz, Duancos, Orizón, Pacios, parte de Prevesos, parte de Bazar e tamén Matodoso, aínda non contan con rede de abastecemento de auga, "Cando falamos de mellorar servizos nun concello sempre se vai a cousas que causen lucimento máis que a que veciñanza teña un servizo básico como abastecemento de auga que é vital" explicou a portavoz nacionalista
A Xunta de Galiza está a levar a cabo campañas publicitarias, encamiñadas a que persoas do ámbito urbano se vaian vivir aos pobos rurais. Para o BNG resulta "bastante evidente que por moitos carteis publicitarios que se poñan, por moita propaganda que se faga, se no ámbito rural se seguen a recortar os servizos básicos, tal e como leva facendo a Xunta dende hai varios anos, se se segue a levar a cabo unha política de demolicións dos sectores produtivos baseados nos nosos recursos, estas campañas serán mera propaganda sen ningún tipo de efecto práctico". "Se a Xunta quere apoiar realmente a quen vive no rural, debe afrontar os problemas verdadeiros de quen vive no rural e aportar fondos, neste caso, para o abastecemento de auga" concluíu Olga García