RUBÉN ARROXO DIXO “O BNG SEMPRE APOSTOU POR CREAR OS HORTOS URBÁNS MUNICIPAIS NA ZONA DE ABELLA, A OPCIÓN DO PARQUE DE PAXARIÑOS NON TEN XEITO”

Para o BNG – Asembleas Abertas a ubicación dos hortos urbanos nos Paxariños é moi cuestionable

IMG_5388
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro nos terreos de Abella

“O dos hortos urbanos foi outro dos incumprimentos do goberno sobre os orzamentos deste ano 2016 e xa fora un incumprimento en anos anteriores” sinalou Arroxo

Para o BNG – Asembleas Abertas a ubicación dos hortos urbanos nos Paxariños é moi cuestionable

Lugo, 16 de abril de 2016. Rubén Arroxo lembrou que a proposta inicial, feita polo BNG, para a creación de hortos urbanos era para instalalos na zona de Abella. Arroxo afirmou que “a opción de Paxariños non é a mais axeitada” e explicou que “nas inmediacións xa están os hortos do Rato e os de Paradai, mentres que na zona norte da cidade non existen dotacións deste tipo” e engadiu “o terreo de Paxariños ten unha pendente considerable que, segundo expertos na materia, non o fai recomendable para instalar os hortos urbanos”.

Segundo lembrou Rubén Arroxo esta foi unha das propostas do BNG acordadas co PSOE para a aprobación dos orzamentos municipais dende o ano 2013 e “que este ano, unha vez máis, figurou nos orzamentos do concello de Lugo” dixo Rubén Arroxo. “O dos hortos urbanos foi outro dos incumprimentos do goberno sobre os orzamentos deste ano 2016 e xa fora un incumprimento en anos anteriores” sinalou Arroxo.

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas emprazou ao Goberno Municipal a dotar á cidade de novos hortos urbanos impulsados polo Concello na zona de Casás – Abella.  Segundo Rubén Arroxo esta iniciativa, “ademais do seu propio valor ecolóxico ten outras implicacións que contribúen a xerar comunidade, promovendo as relacións sociais e inscribíndose en procesos pedagóxicos e de desenvolvemento comunitario. Así mesmo, poden converterse en balóns de oxíxeno económico para moitas familias desta zona de Lugo”.

A zona onde os nacionalistas consideran que se pode  implementar esta actuación é a zona norte da cidade, en concreto nos terreos dotacionais situados nas inmediacións do instituto de Casás e que lle corresponden ao concello polo desenvolvemento urbanístico da zona. Rubén Arroxo recalcou que “desta maneira se lograrían unhas magníficas zonas verdes fronte a maleza e o lixo que actualmente cubre boa parte destes espazos”.

A remodelación do Carme con fondos EDUSI debe contemplar hortos urbanos nesta zona

Arroxo indicou que unha vez  que se poñan en marcha os hortos urbanos o concello debería crear unha rede de hortos en diferentes zonas da cidade. Para o BNG-AA o proxecto de remodelación da zona do Carme, que se acometa cos fondos EDUSI, debe destinar un espazo para hortos urbanos de xestión municipal. Arroxo lembrou que “os hortos urbanos teñen un aspecto mediambiental que encaixa perfectamente no que debe ser o proxecto a desenvolver con fondos DUSI e a zona do Carme foi tradicionalmente unha zona de horta”.

Para o BNG – Asembleas Abertas a ubicación dos hortos urbanos nos Paxariños é moi cuestionable