MAITE FERREIRO EXPLICOU QUE “O GOBERNO TEN QUE AFRONTAR UNHA REESTRUTURACIÓN COMPLETA DA ÁREA DE CULTURA PARA ADIANTARSE AO QUE SERÁ A REALIDADE DESTA CIDADE”
O BNG-AA pedirá no pleno que se inicie o proceso para municipalizar a xestión das salas museísticas municipais
Dende o BNG-AA lembraron que o concello ten que que acometer unha reestruturación da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para adaptarse á realidade actual
Lugo, 15 de novembro 2016. O edil do BNG – AA no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou que o BNG – Asembleas Abertas levará ao pleno unha iniciativa para que o goberno municipal inicie o proceso para municipalizar a xestión das salas museísticas municipais. Ferreiro dixo que “o goberno do PSOE entregou a xestión destes espazos a empresas privadas e, a pesares do esforzo diario que fan os traballadores, a atención que se da a turistas e visitantes non é a máis axeitada por que as salas museísticas manteñen uns horarios que non se adaptan a realidade do incremento do turismo na cidade”.
Ferreiro adiantou “xa sabemos que o goberno nos vai responder que a actual lexislación non o permite, mais dende o BNG-Asembleas Abertas entendemos que as institucións teñen que actuar como impulsoras dos cambios necesarios para rematar coas políticas neoliberais que arrastran ás traballadoras e traballadores a unha situación de precariedade e inestabilidade insostible”. Maite Ferreiro afirmou que “con esta iniciativa pretendemos continuar poñendo sobre a mesa cales son as condicións nas que se manteñen os contratos coas empresas que xestionan servizos municipais e cales son as condicións nas que esas empresas contratan ás traballadoras e traballadores”.
A día de hoxe o contrato está caducado e, igual que outros servizos, é de dubidosa legalidade a situación da empresa que continúa levando a xestión destas instalacións municipais. “Unha empresa que estivo e está inmersa en diferentes procesos xudiciais por ser filial de VENDEX e ter cometido presuntas prácticas corruptas” explicou Maite Ferreiro. A edil do BNG-AA lembrou que alcaldesa anunciou, en setembro de 2015, que se “implementarían melloras neste servizo”, pero dende entonces “non se fixo absolutamente nada neste aspecto”.
“Todo o mundo sabe que os horarios de apertura das salas museísticas municipais non se corresponden coa demanda e co incremento de turistas e visitantes que se achegan a Lugo todos os anos” afirmou Maite Ferreiro e engadiu “entendemos que o goberno municipal ten que tomarse en serio a promoción turística, convocar a creación dun Consello Municipal de Turismo, e acometer a municipalización da prestación do servizo de salas museísticas para que o persoal que as atenda conte cunhas condicións laborais e salariais dignas”.
Reestruturación da área de Cultura
Dende o BNG-AA lembraron que o concello ten que solucionar, no relativo a política cultural, a ampliación da Escola Municipal de Música, a xestión do novo auditorio e do edificio do antigo cárcere, a dirección da Banda de Música a creación do Consello Municipal de Turismo e dinamización das salas museísticas da cidade. Ferreiro sinalou que “a área de cultura está sen xefatura de servizo e a banda quedará, pronto, sen director ademais da carencia de funcionarios existente nesta área que aglutina Cultura, Promoción da Lingua, Turismo e Xuventude”. Ferreiro sinalou que dende esta área se xestiona o Auditorio Gustavo Freire, as festas de San Froilán e Arde Lucus e toda a actividade cultural e xuvenil que promove o concello.
Maite Ferreiro sinalou que no relativo á promoción turística “non se está a facer absolutamente nada e non vemos que este goberno municipal teña a intención de atender este sector que é, cada vez máis, fundamental para a economía da cidade”.