OURENSE, A CORUÑA E PONTEVEDRA VERÁN INCREMENTADO O NÚMERO DE XULGADOS E MAXISTRADOS MENTRES QUE PARA LUGO NON SE DESTINOU ABSOLUTAMENTE NADA
“Feijoo deixa a Lugo sen os demandados xulgados do social e violencia de xénero” dixo Olalla Rodil
A Parlamentaria lucense lamentou “que o PP siga castigando a Lugo e que unha das primeiras accións deste novo goberno sexa discriminatoria para as comarcas”
Lugo, 15 de novembro de 2016. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, saiu ao paso do anuncio feito pola Xunta de Galiza e representantes do Tribunal Superior de Xustiza no que se anunciou a creación de cinco novos xulgados. A Parlamentaria lucense lamentou “que o PP siga castigando a Lugo e que unha das primeiras accións deste novo goberno sexa discriminatoria para as comarcas”. Olalla Rodil lembrou que o BNG xa demandou a creación dun xulgado para tratar asuntos de violencia de xénero en Lugo e tamén apoiou a campaña iniciada pola CIG na que se demanda o cuarto Xulgado do Social para a provincia de Lugo.
Olalla Rodil mantivo unha xuntanza de traballo con cargos orgánicos do BNG de Lugo e sinalou que “Ourense, A Coruña e Pontevedra verán incrementado o número de xulgados e maxistrados mentres que Lugo non se destinou absolutamente nada” e engadiu “manteranse carencias, en materia xudicial, que xa foron demandadas polo BNG, a través de diversas iniciativas que perxudican gravemente a quen aquí vivimos”. Olalla Rodil lembrou que Lugo non conta con ningún xulgado específico para asuntos e violencia de xénero nin con profesionais con dedicación e formación específica para atender este tipo de casos.
“O BNG está a apoiar activamente a campaña iniciada pola CIG para demandar a creación dun cuarto xulgado do social para Lugo” apuntou Olalla Rodil e explicou que “o incremento de entrada dos asuntos urxentes e a acumulación dos ordinarios provocou unha dilación dos procesos, chegando nestes momentos a unha situación crítica na que se está pondo data de xuízo aos asuntos non urxentes para o ano 2018".
En relación á necesidade de que Lugo conte cun novo xulgado do social, Olalla Rodil informou que “segundo as indicacións do Consello Xeral do Poder Xudicial, cada xulgado debería ter unha entrada de asuntos anuais de arredor de 850, pero a finais de 2015, na provincia de Lugo, a entrada de asuntos situouse nos 940, moi por enriba de Ferrol, Ourense ou Pontevedra". E no primeiro trimestre de 2016 as cifras mantéñense case como as de 2015, cunha entrada media de 240 asuntos por trimestre.