TINO DÍAZ, PORTAVOZ DO BNG EN BALEIRA: "A DESIDIA E ABANDONO DESTE CONCELLO DÉBESE A NEFASTA PLANIFICACIÓN DO TRABALLO E ÁS DECISIÓNS POLÍTICAS DO ALCALDE"
O BNG de Baleira denucia o desleixo e abandono no que a equipa de goberno ten sumido o concello
Tino Díaz, portavoz do BNG en Baleira: "A desidia e abandono deste concello débese a nefasta planificación do traballo e ás decisións políticas do alcalde"
Baleira, 07 de xullo de 2025.- O Bloque Nacionalista Galego en Baleira denuncia o estado de abandono no que a equipa de goberno municipal ten sumido O Cádavo.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia o grave estado de abandono no que se atopa o núcleo do Cádavo por parte do goberno municipal de Baleira. A pesar de ser a capital do concello e punto de paso do Camiño Primitivo, a localidade presenta múltiples deficiencias que afectan tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
A estrada de Meira carece de pasos de peóns, dificultando un cruce seguro para as crianzas, as persoas maiores e os peregrinos. Non existen sinais luminosas que alerten da entrada ao núcleo urbano nin que contribúan a reducir a velocidade dos vehículos, o que incrementa o risco de accidentes. Ademais, existen valados sen rematar en pleno núcleo de poboación, converténdose en puntos perigosos para quen transita a diario por esas zonas.
Ao pé das escaleiras da beirarrúa hai un contedor que obstaculiza o paso peonil e agrava a falta de accesibilidade. A isto hai que engadir rúas sen asfaltar, a escaseza de papeleiras e unha iluminación pública deficiente que compromete a seguridade nas horas nocturnas.
O concelleiro do BNG en Baleira, Tino Díaz, sinala que "é inadmisible que, no século XXI, unha vila que é capital municipal e paso do Camiño de Santiago careza de elementos básicos de seguridade viaria e dunha mínima planificación urbana. A pasividade do goberno do PP estanos a levar ao deterioro total do Cádavo."
Desde o BNG esíxese a posta en marcha inmediata dun plan integral de mellora do núcleo do Cádavo, que inclúa: instalación de pasos de peóns, sinais luminosas para reducir a velocidade, eliminación de obstáculos das beirarrúas, remate e aseguramento das zonas valadas, asfaltado de rúas, colocación de papeleiras e unha mellora urxente da iluminación.