O BNG celebra que o Ministerio de Transportes poña en marcha a súa proposta de humanización da contorna da N-VI
O BNG da man do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, impulsou diferentes iniciativas para que levara a cabo obras de humanización na localidade
Xosé Ferreiro, portavoz do BNG en Outeiro de Rei “o BNG ten moi claro a súa adicación, mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza, polo que seguiremos a traballar dende calquera institución onde teñamos presenza”
Outeiro de Rei, 30 de maio 2023.- O Bloque Nacionalista Galego en Outeiro de Rei celebra a decisión adoptada polo Ministerio de Transportes na posta en marcha da iniciativa proposta polos nacionalistas na humanización da contorna da N-VI ao seu paso por Outeiro de Rei.
Esta iniciativa é unha das propostas en positivo que os nacionalistas da localidade levan loitando anos para que na vila de Outeiro de Rei se desenvolva un urbanismo centrado nas persoas, xa que a N-VI parte a vila en dous e conta con servizos básicos como o PAC ou a farmacia.
Grazas á presenza do BNG no Congreso da man de Néstor Rego, o que visitou no pasado outubro para comprobar de primeira man o estado no que se atopa a vía e o urbanismo, impulsáronse iniciativas que permitiron o inicio desta mellora.
Xosé Ferreiro, portavoz do BNG en Outeiro de Rei, declarou “é unha boa nova para a veciñanza de Outeiro que o Ministerio de Transportes iniciara os trámites de licitación de obras, despois de anos de inacción do goberno municipal e grazas a presenza do BNG no Congreso para esixir esta actuación esencial para as persoas e a vida económica e social”
O portavoz do BNG destacou “o BNG ten moi claro a súa adicación, mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza, polo que seguiremos a traballar dende calquera institución onde teñamos presenza” e subliñou “o BNG cumpre, polo que a súa presenza no Congreso dos Deputados é fundamental para seguir traballando por Galiza e polos dereitos das galegas e galegos, e este 23 de xullo temos unha oportunidade de facelo posíbel”