O BNG constitúe o seu grupo municipal no Concello de Lugo
A primeira hora do luns, as concelleiras e concelleiros do BNG achegáronse ao servizo de actas do Concello para iniciar o novo curso político
Rubén Arroxo asumirá a portavocía do grupo, sendo viceportavoz Maite Ferreiro
Lugo, 19 de xuño de 2023. As concelleiras e concelleiros do BNG constituíron esta mañá o seu grupo municipal no Concello de Lugo. Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, explicou que “iniciamos un novo curso político no que levaremos adiante un gran número de proxectos para seguir a cambiar Lugo e converter o noso concello nun lugar con moito futuro”.
O Grupo Municipal do BNG terá por portavoz a Rubén Arroxo, e Maite Ferreiro asumirá a viceportavocía do mesmo. Rubén Arroxo afirmou que "neste mandato sacamos adiante proxectos ambiciosos que iniciaron o cambio de Lugo", e engadiu “desde o BNG seguiremos traballando "para que Lugo siga camiñando cara adiante"
Arroxo explicou que o BNG continuará co proxecto iniciado no presente mandato, "atendendo ao espazo público, garantindo o coidado das infraestruturas e continuando na mellora da seguridade viaria e da accesibilidade". O BNG seguirá a traballar no calmado de tráfico, buscando aumentar a seguridade peonil e favorecer o uso de medios de transporte alternativos, buscando que a veciñanza aposte por deixar o coche na casa e apostar por camiñar, o transporte público e os medios alternativos, "cremos que Lugo pode converterse unha cidade que utilice o coche só para os desprazamentos imprescindibles", explicou Arroxo, que engadiu "continuaremos a promocionar os hábitos saudables entre as crianzas, ampliando os vieiros escolares seguros".