O BNG chama á mobilización con SOS Sanidade Pública este mércores en Lugo
A concentración será ás 20 horas diante do edificio administrativo da Xunta
A deputada Carme Aira sinalou que hai que “demostrarlle ao PP que sanidade pública non se destrúe”
Lugo, 20 de abril de 2021. O Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento á participación na mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega (SOS Sanidade Pública) para o vindeiro mércores, 21 de abril ás 20 horas diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo, co obxectivo de reclamar a recuperación do sistema sanitario galego.
A deputada por Lugo no Parlamento galego, Carme Aira, considerou que “precisamos duns servizos sanitarios públicos ben dotados e de calidade” polo que alentou a participación neste acto para “demostrarlle ao PP que sanidade pública non se destrúe”
Neste sentido, Carme Aira recalca que non hai xustificación algunha para que un ano despois iniciada a pandemia “continúe o desamparo dos servizos sanitarios, no que a atención primaria segue con falta de recursos humanos e isto reflectise á calidade das usuarias e usuarios”
A deputada fixo fincapé en que “o PP segue deixando de lado as patoloxías crónicas, segue demorando unha asistencia presencial que é precisa para moitas usuarias e continúan as demoras nas consultas hospitalarias, isto é parte dos 11 anos do PP á fronte da Xunta" declarou Carme Aira.
Desde o BNG, ante esta situación, propón normalizar a atención primaria, un plan de choque para reactivar as intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas e consultas adiadas, e tamén, unha mellora do cadro de persoal.