O BNG chama a participar masivamente na manifestación do 25 de Xullo, Día da Patria Galega
A viceportavoz parlamentaria do BNG e deputada por Lugo, Olalla Rodil, afirmou que o BNG “sempre pon por diante os intereses das galegas e galegos”
O BNG demanda confiar nas capacidades que da Galiza e aspirar a un maior autogoberno para poder desenvolver políticas propias en beneficio do conxunto do País e das clases populares
Lugo, 19 de xullo de 2021. O BNG de Lugo chamou á veciñanza a participar na manifestación do día da Patria Galega o vindeiro 25 de xullo en Compostela. A viceportavoz parlamentaria e deputada por Lugo, Olalla Rodil, explicou que o día da Patria celebra “unha data especial para as e os nacionalistas, e para o conxunto da cidadanía galega, por ser a data que as Irmandades da Fala escolleron para celebrar o feito de que a Galiza é unha nación: cunha lingua e cunha cultura propias
Mais, a organización nacionalista entende que, ademais de ser un día de festexo tamén é un día de reivindicación. “Defendemos unha Galiza máis igualitaria, máis forte, próspera e libre, especialmente neste contexto de crise social e económica, na que precisamos avanzar para e gañarmos o futuro” destacou Olalla, que chamou a confiar nas propias capacidades que ten o País e a aspirar a un maior autogoberno, con capacidade para defender os intereses da Galiza e mellorar a vida dos galegos e galegas.
“Se tivésemos un goberno con capacidade para lexislar, regular e por a traballar os nosos recursos naturais para o desenvolvemento social e económico da Galiza, poderíamos poñer en marcha un sistema produtivo que xerase novas actividades e postos de traballo no noso País e que fose capaz de mellorar os salarios e, en definitiva, o benestar de todos os galegos e galegas”, afirmou Olalla Rodil.
Rodil considera probado que o BNG é a “única forza política que, de forma permanente, antepón os intereses dos galegos e galegas diante de calquera outra cousa”. A deputada nacionalista afirmou que é preciso “un BNG máis forte con capacidade e peso para defender os intereses da Galiza”.