O BNG da comarca de Lugo decidiu a elección de candidatura á presidencia da Xunta
A asemblea comarcal debateu e votou para arrancar o traballo colectivo para as vindeiras eleccións galegas.
Lugo, 11 de decembro de 2019. O Bloque Nacionalista Galego na comarca de Lugo, celebrou onte unha asemblea comarcal para á elección de candidato ou candidata para á presidencia da Xunta de Galiza, dentro do calendario establecido pola Executiva Nacional do BNG para dito proceso.
A candidatura de Ana Pontón, única lista que se presentou no proceso, foi a elixida na votación dos asistentes. Neste espazo de reflexión colectivo da militancia luguesa, púxose en valor o traballo que desenvolveu Ana Pontón nestes últimos anos á fronte da organización, tanto no traballo desenvolvido no Parlamento Galego como no propio do BNG, onde a organización cada vez suma máis xente e pon en claro que o BNG ten proxecto de futuro para Galiza.
A militancia toma con optimismo as vindeiras eleccións galegas, onde entre todas e todos poñen a traballar de arreo a organización para que Galiza colla un novo rumbo, para deixar atrás a decadencia da década gobernada por Núñez Feijóo e pór os potenciais deste país a funcionar para acadar unha Galiza do século XXI.
Eleccións xerais
Na asemblea tamén se analizou e avaliaron os resultados da organización frontista nas eleccións xerais do pasado mes de novembro, na que Galiza demostrou que tiña que estar nas Cortes españolas como noutros territorios e poñer os intereses das galegas e galegos por riba. Este proceso reflectiu que o BNG é unha organización que mostra solvencia e seriedade ante os problemas de das persoas e que cada día máis xente súmase ao proxecto nacionalista.