MAITE FERREIRO DEU CONTA DA PROPOSICIÓN PRESENTADA POLO BNG DE CARA AO PLENO DE SETEMBRO

O BNG defenderá no pleno que a Xunta recupere o transporte escolar do IES Sanxillao

Maite Ferreiro deu conta da proposición presentada polo BNG de cara ao pleno de setembro

Ferreiro: "Trátase dun novo recorte que vai mermar a calidade do sistema educativo"

O BNG defenderá no pleno que a Xunta recupere o transporte escolar do IES Sanxillao

 

 

Lugo, 16 de setembro de 2025. A concelleira do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, deu conta da iniciativa que defenderá o BNG no pleno do mes de setembro. "Daremos voz ás veciñas e veciñas de Lugo afectadas pola perda dun servizo necesario como é o transporte escolar, un novo recorte da Xunta á comunidade educativa", explicou a concelleira.

Ferreiro anunciou que o BNG levará a pleno unha iniciativa para instar á Xunta de Galiza a recuperar o transporte escolar eliminado co inicio de curso no IES Sanxillao. "O transporte escolar é unha competencia exclusiva da Xunta, e vemos como, un ano máis, deixan de prestar servizos que se viñan prestando durante moitos anos, provocando graves problemas ás familias afectadas".

Ás veciñas e veciños dos barrios do Sagrado Corazón e Galegos correspóndelles, segundo a súa zona de residencia, o IES Sanxillao como centro para cursar a Educación Secundaria Obrigatoria. Malia que as familias solicitaron a súa praza no transporte escolar, como viñeron facendo nos últimos anos, unha vez comezado o curso recibiron unha notificación indicando que perden o servizo de transporte escolar, ao non cumprir, segundo esta resolución, co criterio de distancia entre o fogar e o centro de ensino. 

Ferreiro explicou que "a propia lexislación da Xunta de Galiza estabelece o transporte escolar como unha competencia exclusiva desta administración e recoñece que, en situacións de especial incomodidade ou dificultade para acceder ao centro, poderase autorizar a prestación do transporte escolar aínda que non se cumpra este requisito previo, tal e como se viña prestando nos últimos anos", e engadiu "desde o BNG unímonos ás reclamacións das familias, que se sentiron maltratadas pola Xunta ante a perda dun servizo necesario en moitos casos para a conciliación familiar, e que ten unha incidencia directa na calidade do sistema educativo".

 

O BNG defenderá no pleno que a Xunta recupere o transporte escolar do IES Sanxillao