O BNG defenderá no vindeiro pleno a redución do IVE das perruquerías e centros de estética ao 10%
Rubén Arroxo: “esta baixada do IVE serviría de axuda directa e permitiría manter abertos moitos negocios que, doutro xeito, terían que pechar”
“Durante o confinamento este sector foi declarado actividade esencial, mais as profesionais viron denegada a única medida urxente que reclamaban”, afirmou o portavoz do BNG
Lugo, 07 de febreiro de 2021. O BNG defenderá no vindeiro pleno do Concello de Lugo a rebaixa do IVE das perruquerías e salóns de estética ao 10%. O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, defendeu “unha baixada que serviría de axuda directa, e que permitiría manter abertos moitos negocios que, doutro xeito, terían que pechar”.
“Durante o confinamento, as perruquerías foron consideradas unha actividade esencial e seguiron abertas dando un servizo, non encontrando nos Gobernos a axuda que necesitaban, e viron denegada a única medida que reclamaban de forma urxente, a baixada do IVE a 10%”, declarou Rubén Arroxo, que engadiu “os salóns de peiteado levan agardando por esta baixada desde o ano 2012, cando o goberno do PP elevou o IVE deste sector en 13 puntos dun día cara a outro, do 8 ao 21%”.
Naquel momento, este sector decidiu manter os prezos, isto é, non trasladar a suba á clientela, pois tal e como prometera daquela o Goberno de Rajoy, a suba do IVE neste sector ía ser temporal. “Mentres que outras actividades viron cumprido o compromiso e xa teñen de novo o IVE en 10%, os salóns de peiteado, barberías e centros de estética continúan a padecer o tipo máis alto do imposto”, sentenciou Rubén Arroxo.