ARROXO: "ESTAMOS DIANTE DUNHA ACTIVIDADE INDUSTRIAL NIN SOSTIBLE NIN MOITO MENOS CIRCULAR, TERÁ UNS FORTÍSIMOS IMPACTOS NO TERRITORIO E NO AMBIENTE"

O BNG defenderá no vindeiro pleno o rexeitamento á megafactoría de celulosa planificada por Altri en Palas de Rei

Arroxo: "Estamos diante dunha actividade industrial nin sostible nin moito menos circular, terá uns fortísimos impactos no territorio e no ambiente"

O portavoz do BNG afirmou que "as emisións contaminantes desta factoría chegarán a Lugo, empeorando a calidade do noso aire"

O BNG reclama na moción que a Xunta desenvolva unha alternativa  para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación

O BNG defenderá no vindeiro pleno o rexeitamento á megafactoría de celulosa planificada por Altri en Palas de Rei



Lugo, 03 de abril de 2024. O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG vén de presentar unha iniciativa para o vindeiro pleno municipal buscando que Lugo rexeite a instalación dunha megafactoría de celulosa en Palas de Rei. Arroxo defendeu que "esta actividade industrial non será nin sostible nin moito menos circular, trátase dun proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos" afirmou Arroxo, que engadiu "durante máis de dous anos publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación".

A planta proxectada por Altri terá un impacto territorial e paisaxístico enorme polas dimensións xigantescas da factoría, que prevé explanar, pavimentar e ocupar case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna, ademais dun impacto ambiental crítico nunha zona que foi proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 e que alberga hábitats e especies de grande valor ambiental e que están en risco de extinción. As emisións de gases contaminantes tamén terá unha incidencia prexudicial na saúde, no uso residencial e na calidade e aproveitamento dos solos nunha ampla zona circundante. Rubén Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica "chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade", e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.

"O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega", afirmou Rubén Arroxo, que destacou que "a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza".

A proposición do BNG busca que o Pleno Municipal acorde manifestar o rexeitamento ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri e dirixirse á Xunta de Galiza para que informe negativamente o proxecto e impulse en colaboración coas diferentes administracións e o tecido socioeconómico iniciativas para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación.

O BNG defenderá no vindeiro pleno o rexeitamento á megafactoría de celulosa planificada por Altri en Palas de Rei