O BNG DEMANDA IMPLICACIÓN AO CONCELLODO CORGO TRALA ELIMINACIÓN DE ESO E BAC NO IES AS MERCEDES

O BNG DEMANDA IMPLICACIÓN AO CONCELLODO CORGO TRALA ELIMINACIÓN DE ESO E BAC NO IES AS MERCEDES

O BNG quere saber se o Concello foi coñecedor desta decisión da Consellaría de Educación e, se non a comparte, que trate de lograr a mellor solución á problemática que isto xero

O grupo municipal do BNG no Corgo cre que o goberno municipal debe intervir ante unha situación que afecta ao alumnado do Corgo xa que se verán desprazados das Mercedes a outros institutos que están por concretar

Lugo, 21 de marzo de 2013. O BNG do Corgo, a través do seu portavoz, Mario Outeiro, demanda do goberno municipal desta localidade unha maior implicación sobre o proceso de conversión do IES As Mercedes en Centro Integral de Formación Profesional (CIFP), o que na práctica supón o desprazamento para outros institutos de arredor de 200 alumnos e alumnas e 28 profesores de ESO e Bacharelato.

Tal e como expuxo o portavoz do BNG no Corgo, Mario Outeiro, que estivo hoxe no IES As Mercedes para amosar o seu apoio ao equipo directivo e ao conxunto da comunidade educativa do centro, “arredor de 70 alumnos e alumnas do Corgo, que actualmente cursan os seus estudos de ESO e Bacharelato no IES As Mercedes e contan con servizo de autobús e comedor, veranse desprazados cara outros institutos sen que a Consellaría de Educación teña informado de cales van ser. Non entendemos esta maneira de actuar da Consellaría e compartimos o malestar xerado tanto na dirección do centro coma entre os docentes e no alumnado e as súas familias xa que esta decisión non foi nin anunciada nun momento oportuno (case cara finais de curso) nin se tivo en conta para nada a todo o conxunto da comunidade educativa que vai verse afectada, tanto docentes como alumnado. Ademais, a Consellaría de Educación non deu explicacións concretas sobre cal será o destino tanto do profesorado coma do alumnado que está a cursar as ensinanzas que se suprimen e cara que centros da cidade se van a redirixir”.

Para Mario Outeiro, “o goberno municipal do Corgo debería ter coñecemento desta problemática xa que afecta a moitas familias do noso concello e agora debería xa estar a propoñer medidas para que esta situación sexa o menos agraviante posible para todos e todas. É unha noticia preocupante xa que nos IES máis próximos: IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Lucus Augusti e IES Sanxillao, existen poucas prazas libres tanto na ESO como no Bacharelato”.

O portavoz do BNG concluíu que “por todo isto debemos demandar do Concello do Corgo que, de non estar de acordo con esta decisión da Consellaría de Educación, se implique na procura dunha solución para o alumnado do Corgo que realiza os seus estudos obrigatorios e Bacharelato no IES As Mercedes, escoite as demandas das familias afectadas e actúe como se lle pide a unha administración, defendendo os intereses do seu pobo. O grupo político que represento así o fará porque consideramos que esta situación vén motivada pola falta de interese e desprezo que o PP ten cara o ensino público, sendo capaz de xerar todo este malestar sen consultalo nin sequera antes coa comunidade educativa”.

O BNG DEMANDA IMPLICACIÓN AO CONCELLODO CORGO TRALA ELIMINACIÓN DE ESO E BAC NO IES AS MERCEDES