O BNG PEDIRÁ QUE OS XULGADOS INFORMEN AO CONCELLO DE LUGO DOS DESAFIUZAMENTOS
13 entidades que operan en Lugo non deron resposta á Comisión Especial de Desafiuzamentos do concello de Lugo sobre o número de procesos que teñen en marcha
Lugo, 11 de marzo de 2013. O BNG solicitará, na Comisión Especial de Desafiuzamentos, que os concello de Lugo se dirixa aos xulgados de Lugo para pedirlles que informen aos servizos sociais do concello dos desafiuzamentos que van a executar. Esta información será básica para que o concello poida abordar con antelación e co mellor criterio estes casos de emerxencia social que poden xurdir a causa da execución dos desafiuzamentos de familias de primeiras vivendas. Segundo a edil nacionalista Paz Abraira o concello de Lugo, se pode actuar con previsión, posúe tres vivendas en propiedade para casos de emerxencia social que poden cubrir estes casos.
A comisión especial de desafiuzamentos reunirase na tarde e está formada por persoal técnico do Concello de Lugo, membros dos colectivos de afectados polas hipotecas, asociacións de veciños da cidade, colexo de avogados, e representantes de todos os grupos políticos. O BNG pedirá tamén que se mellore a accesibilidade á información na páxina web do concello sobre as axudas de servizos sociais para as persoas que se vexa afectadas por desafiuzamentos. No banner que conten a información sobre desafiuzamentos na web municipal, incluiranse enlaces que leven directamente á información sobre as axudas de emerxencia social que se poden solicitar.
Paz Abraira informou tamén que aínda 13 entidades bancarias que operan no concello de Lugo non facilitaron a información requerida pola comisión de desafiuzamentos. As entidades que non respostaro, ademais da Unión de Crédito Inmobiliario, foron: Banco Caixa Xeral, Banco Caixa España, Banco Etchevarria, Banco Pastor, Banco Popular Español, Banco Sabadell, Deutsche Bank, Ibercaja Banco, Kutxabank, Caja España, La Caixa, Novagalicia Banco, Caja Madrid e Bankinter. A comisión acorda enviar novas requerimentos as entidades das que non, se obtivo resposta así como á unión de crédito inmobiliario.