O BNG en Guitiriz anima á veciñanza a participar na mobilización contra a crise de prezos
A fronte nacionalista realizou un reparto informativo da campaña "Fagamos Valer Galiza, contra a crise de prezos, hai alternativas" na feira de Parga
Xosé Lois González “Pereira”, concelleiro do BNG en Guitiriz: “Este 18 de decembro mobilizámonos para esixir medidas para unha saída xusta desta crise”
Guitiriz, 11 de decembro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego en Guitiriz desenvolveu un reparto informativo na feira de Parga dentro da campaña "Fagamos Valer Galiza, contra a crise de prezos, hai alternativas", na que se presentou o decálogo de medidas da formación nacionalista ante o brutal incremento dos prezos e conviodouse á veciñanza a sumarse á mobilización que o BNG organiza este 18 de decembro en Compostela. A saída será ás 12 horas da Alameda.
Algunha das medidas urxentes do decálogo do BNG son, por exemplo, incrementar a presión fiscal ás grandes empresas e patrimonio coa persecución da fraude fiscal, o impulso á mocidade, ás PEME’s ou a intervención no mercado eléctrico e o da vivenda. Todas elas teñen por obxectivo dotar a Galiza dunha alternativa á política de austeridade e de recorte do Partido Popular
O concelleiro do BNG en Guitiriz, Xosé Lois González “Pereira” declarou “este 18 de decembro mobilizámonos para esixir medidas para unha saída xusta desta crise, non podemos consentir a parálise da Xunta de Galiza como do Goberno do Estado”
Neste senso, Pereira sinalou “facemos un chamamento á veciñanza de Guitiriz para que se mobilice co BNG, hai alternativas para facernos valer e deter o empobrecemento das galegas e galegos”