Lugo acolle a presentación do caderno Saúde sexual e reprodutiva. O caso galego da Fundación Galiza Sempre e a Marcha Mundial das Mulleres
Será este martes, 13 de decembro, ás 19 horas no Vello Cárcere
Contará coas intervencións da concelleira de Lugo e vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro,e a membro da Plataforma Feminista de Lugo e da Marcha Mundial das Mulleres, Elvira Lombao
Lugo, 12 de decembro de 2022. O Vello Cárcere acollerá a presentación dun novo caderno da colección ideas impresas da Fundación Galiza Sempre e a Marcha Mundial das Mulleres, baixo título Saúde sexual e reprodutiva. O caso galego.
A presentación terá lugar este martes, 13 de decembro, ás 19 horas no patio do Vello Cárcere de Lugo. E contará coa participación de Maite Ferreiro, concelleira de Cultura no Concello de Lugo e vicepresidenta da Deputación, e Elvira Lombao, membro da Plataforma Feminista de Lugo e da Marcha Mundial das Mulleres en Lugo.
Esta obra consta dun percorrido dos feitos e das contribucións do feminismo galego na loita pola despenalización do aborto na Galiza. Ademais das achegas do movemento feminista ás politicas para a saúde sexual e reprodutiva.
De igual modo, dentro desta publicación exponse os resultados dunha enquisa que a Marcha Mundial das Mulleres elaborou en 2022 sobre saúde sexual e o dereito ao aborto, e así coñecer as sensibilidades e as experiencias das mulleres galegas arredor desta cuestión.