O BNG impulsa iniciativas para que a Xunta se implique en garantir os dereitos das traballadoras de Surexport
A deputada no Parlamento galego,Carme Aira, declarou “ante os feitos do ano pasado, hai que esclarecer as condicións nas que se atopan as persoas que traballan nesta empresa”
A deputada solicita á Consellería de Emprego que interveña segundo as súas competencias
Lugo, 22 de xuño de 2022.- A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Carme Aira, impulsou diferentes iniciativas para que esixir á Xunta de Galiza a cumprir coas súas obrigas e garantir a Saúde Laboral das persoas traballadoras da empresa Surexport, vinculada á produción e venda de froitos vermellos na Terra Chá.
Ante os acontecementos da pasada campaña de verán, na que diferentes organizacións sindicais como sociais denunciaron as condicións nas que se atopaban, o BNG solicitou á Xunta de Galiza que empregara diferentes mecanismos para garantir que se cumprira a legalidade.
Por isto, de novo, a deputada impulsará diferentes iniciativas para que a Xunta vele porque nesta campaña non se repitan feitos pasados, como tamén, solicita que se poñan mecanismos de control laboral, como que dende a Consellería se traslade de oficio á inspección de traballo calquera anomalía que se detecte dende o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
A deputada Carme Aira explicou “de novo, existe alarma social na zona de Begonte e Castro de Rei polas condicións nas que as personas traballadoras viven ou polas condicións de traballo ás que se ven sometidas” ao que sinalou “por isto, o BNG impulsará diferentes iniciativas para facer que se cumpra a legalidade e se protexan os dereitos das traballadoras e traballadores”
Nota: Achégase foto