O Grupo Municipal do BNG vota en contra do 5% PXOM “por coherencia, dado que non cambia o fondo do plan xeral de Lugo”
A asemblea local do BNG decidiu por unanimidade o sentido do voto neste pleno
Rubén Arroxo: “Lugo ten que traballar por un modelo de cidade máis sustentábel, acorde á realidade do concello”
Lugo, 23 de xuño 2022. As concelleiras e concelleiros do BNG votaron hoxe en contra da aprobación do coñecido como 5% pendente do PXOM. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, explicou que "a militancia do BNG tomamos a decisión de manter neste pleno unha postura coherente co traballo feito realizado desde o minuto 1 da tramitación deste Plan Xeral".
Rubén Arroxo comparou o actual plan xeral cun puzzle de 20 pezas, e explicou que “a totalidade do puzzle prevía un gran crecemento poboacional, cunha estimación de que Lugo contara con máis de 300.000 habitantes aos 10 anos, mais a realidade é que o crecemento poboacional foi de pouco máis de 3.000 veciñas e veciños nos 11 anos e medio que pasaron”, explicou na intervención no pleno. Arroxo continuou a explicación do voto do BNG, afirmando que “a peza do puzzle que caeu, o 5%, continúa a formar parte dun proxecto de cidade que non compartimos”.
Arroxo afirmou que "continuaremos a apostar por un modelo de cidade sustentábel, que vaia da man coa realidade do Concello, e que sexa verdadeiramente útil para as veciñas e veciños de Lugo".
Rubén Arroxo trasladou que o BNG valora positivamente parte das modificacións introducidas no proxecto que se votou hoxe, mais afirmou que “os cambios puntuais non cambian o conxunto do Plan Xeral, que desde o BNG seguimos calificando como alonxado da situación actual da cidade”.