O BNG lamenta que o goberno municipal desaproveitara unha axuda para comprobar o abastecemento da auga
Brais Vázquez, membro do BNG en Monterroso “o goberno desaproveita, unha vez máis, axudas que existen en beneficio da veciñanza”
As nacionalistas destacan que a veciñanza vai ter que afrontar custos por non levar a cabo esta comprobación
Monterroso, 01 de marzo de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego en Monterroso lamenta que o goberno municipal non se acollera as axudas que existen para comprobar a rede de abastecemento de auga, e deste xeito, aforrar grandes custos á veciñanza.
Brais Vázquez, membro do BNG en Monterroso, explicou “o goberno municipal de Monterroso deixou de lado a oportunidade dunha liña de axudas para comprobar a rede de abastecemento do concello e se fose preciso, activar un plan de actuación para minimizar as posíbeis perdas”
Neste senso, Brais Vázquez salientou que este caso é un mostra máis da falta de interese do goberno municipal pola veciñanza de Monterroso “o goberno desaproveita, unha vez máis, axudas que existen en beneficio da veciñanza, agora con toda probabilidade, van recaer nas veciñas e veciños diferentes custos no usos e gastos da auga” e incidiu “a veciñanza vai ter que pagar un canon que o Goberno da Xunta de Galiza vai implantar a partir deste ano”
O membro do BNG recalcou que a formación nacionalista non apoia este modelo de xestión do ciclo da auga, no que se atopa este canon, imposto polo PP á fronte da Xunta “non é o noso modelo, é unha lei que ten a recadación como fin, ademais de non se adaptar á realidade galega, nin ao contexto do cambio climático”
De igual xeito, Brais Vázquez recalcou “aínda con este contexto, o BNG actúa para defender os dereitos e os servizos para a veciñanza, e neste momento temos que aplicar solucións para que a veciñanza non pague a mala xestión do goberno da Xunta, esa debería ser a inquedanza dun goberno municipal”, concluíu.