OS NACIONALISTAS PRESENTARÁN UNHA PROPOSTA PARA QUE A XUNTA COLABORE COS CONCELLOS PARA RECUPERAR ELEMENTOS PATRIMONIAIS DE ARQUITECTURA CIVIL
O BNG leva ao Parlamento unha iniciativa para que a Xunta aposte por recuperar a Torre de Batallón
“A Xunta ten que implicarse na conservación do noso patrimonio e o PP debería facer un esforzo para que Sarri recupere un símbolo como a Torre de Batallón” dixo Olalla Rodil
Sarria, 13 de febreiro 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo Lugo, xunto con ediles nacionalistas de Sarria, presentou a iniciativa que trasladará á Xunta de Galiza, a través dunha iniciativa na cámara galega, para promover a recuperación e posta en valor de elementos patrimoniais de arquitectura civil existentes na provincia de Lugo. Grazas á proposta do BNG a Xunta debería colaborar co concello de Sarria para recuperar a torre de Sarria. “A Xunta ten que implicarse na conservación do noso patrimonio e o PP debería facer un esforzo para que Sarri recupere un símbolo como a Torre de Batallón” dixo Olalla Rodil.
Trátase de que, tanto Deputación como Xunta, apoien aos concellos para manter, recuperar e poñer en valor patrimonio público municipal e elementos patrimoniais de arquitectura civil de especial relevancia existentes no seu ámbito municipal. A vice-voceira do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, sinalou que “non podemos permitir que torres como a de Sarria continúen deteriorándose sen que as administracións tomen medidas” e explicou “por iso, dende o BNG, imos presentar esta iniciativa para que todas as administracións se poñan a traballar de xeito conxunto para preservar o noso patrimonio”.
Os nacionalistas puxeron como exemplo a Torre de Batallón, en Sarria, “o concello, por si mesmo, non ten capacidade para facerse coa torre e acometer a súa consolidación e rehabilitación, por eso propoñemos que se faga un plan plurianual no que interveñan o concello a Deputación e a Xunta e así se poida ir revertendo todo este patrimonio á propiedade pública e afrontar a súa recuperación e posta en valor”. “Ademais existen outras moitas construcións singulares en diferentes concellos da provincia como, por exemplo, o Castelo de Navia de Suarna, a torre de Taboi en Outeiro de Rei, a torre de Arcos en Chantada, a de Caldaloba en Cospeito” explicou Rodil que lembrou que esta iniciativa tamén será defendida polo BNG na Deputación de Lugo.
Dende o BNG explicaron que “son varios os concellos lucenses que teñen non seu territorio elementos patrimoniais de arquitectura civil que se atopan nun deficiente estado de conservación, cando non xa ao borde da ruína ou do destrución total”. Dependendo dos casos, este estado de conservación é moi variado , sendo tamén moi diferente o tipo de propietarios aos que pertencen moitos destes elementos patrimoniais. Aínda así, existe un aspecto en común a todos e cada un deles, que é a urxente necesidade de elaborar un plan de actuación a longo prazo que garanta a súa conservación e posta en valor.
Para o BNG “na recuperación, conservación e posta en valor deste patrimonio civil, os concellos deben ter un importante protagonismo como institución máis achegada e vinculada a propia historia destes monumentos, pero, por competencias, recursos técnicos e económicos, é a Xunta de Galiza a institución que ten que garantir que este patrimonio non desapareza, desenvolvendo medidas e plans encamiñados a súa recuperación e posta en valor”. A Xunta deberá colaborar con aportación económicas neste proceso de recuperación que debe ser impulsado polos propios concellos.