RODIL: "OUTRAS CORPORACIÓNS PÚBLICAS ESTÁN A TRABALLAR PARA EMITIR OS PARTIDOS DAS SÚAS EQUIPAS, É O MOMENTO DE QUE A TVG EMITA OS PARTIDOS DA ÚNICA EQUIPA GALEGA NA ACB"
O BNG leva ao Parlamento que a TVG adquira os dereitos de emisión dos partidos do Breogán na ACB
Olalla Rodil, acompañada polo Vicepresidente da Deputación, Efrén Castro e concelleiras e concelleiros do BNG en Lugo, anunciou a iniciativa que trasladará ao Parlamento Galego
Rodil: "Outras corporacións públicas están a traballar para emitir os partidos das súas equipas, é o momento de que a TVG emita os partidos da única equipa galega na ACB"
Lugo, 11 de setembro de 2025. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, anunciou que presentará unha serie de iniciativas para instar á TVG que adquira os dereitos e emita os partidos do Río Breogán na ACB. Olalla Rodil afirmou que "A ninguén escapa a afección que se sente, non só no concello de Lugo, polo C.B. Breogán, a cidade e o conxunto de Galiza temos a sorte e o orgullo de contar cunha equipa histórica que leva décadas no máis alto nivel de competición actuando, alén do deportivo, como embaixadora do noso País", e engadou "este apoio e seguimento da afección non se ve correspondido coa presenza do C.B. Breogán nos medios públicos de Galiza".
A TVG só emitiu os partidos do CB Breogán cando o clube competiu en Europa na temporada 2023/2024, Olalla Rodil afirmou que "entendemos o disparatado mercado dos dereitos de emisión deportiva, do práctico monopolio dos mesmos e o abuso de poder que as grandes produtoras exercen sobre as televisións máis modestas, máis o certo é que outras corporacións públicas están a traballar para emitir partidos de equipas das súas áreas de influencia".
Esta temporada 2025/2026 a televisión pública de Catalunya anunciou que retransmitirá en aberto 14 partidos do Juventut, 10 en Esport3 en horario de domingo ás 12h e TVE emitirá en aberto os partidos en horario de domingo ás 12.30h. Segundo trascendeu publicamente, as televisións públicas vasca e canaria tamén están a negociar a adquisición dos dereitos de retransmisión das súas equipas que compiten en ACB.
"Pola contra, a CRTVG non amosou nos últimos anos nin nesta temporada que está a piques de comezar interese por adquirir eses dereitos e retransmitir en aberto, aínda que fose unha parte, dos encontros", explicou Olalla Rodil.
A deputada do BNG afirmou que "o deporte galego e especialmente os clubes que levan o nome de Galiza ao máis alto nivel de competición merecen que os seus medios públicos, os de todas as galegas e galegos, lle dean un tratamento á altura do seu nivel deportivo e do da súa afección".