FELIPE RIVAS: “OS RECURSOS QUE SE DESTINAN AO ENSINO PRIVADO ACABAN RESTÁNDOSELLE AO PÚBLICO”
O BNG levará unha moción ao pleno para defender a universidade e o ensino público
“O conxunto da sociedade non ten que ter a obriga de financiar unha universidade privada”, indicou Felipe Rivas
Lugo, 14 de xaneiro de 2020. Felipe Rivas presentou no día de hoxe a moción que o grupo municipal do BNG levará ao seguinte pleno, na que pedirá o compromiso da corporación municipal de defender o ensino e a universidade públicas de Galiza. Felipe Rivas indicou que “presentamos esta moción ante o proxecto presentado pola xunta da coñecida como ‘Universidade Intercontinental da Empresa’, promovida pola entidade financeira Abanca”.
“Dende o grupo municipal do BNG seguimos con inquedanza esta solicitude e os pasos que está a dar o goberno do Partido Popular ao respecto”, indicou Felipe Rivas, que engadiu “dende o BNG mostramos preocupación polas repercusións que o nacemento dunha universidade privada poida ter para o Sistema Universitario de Galiza”.
“Os recursos públicos que se destinen ao ensino privado acaban restándoselle ao ensino público”, declarou Felipe Rivas, que engadiu “o conxunto da sociedade non ten que ter a obriga de financiar esta universidade”.