O ACTO CONTOU COA LECTURA DUN MANIFESTO ELABORADO POLA ARTISTA MULTIDISCIPLINAR LUZ DARRIBA, QUEN AFIRMOU QUE "EN TEMPOS DE RACISMO E XENOFOBIA, DICIR QUE TODAS SOMOS MIGRANTES É UN ACTO POLÍTICO NECESARIO"
O BNG mantén un encontro con persoas migrantes "ante a onda de fascismo que está a verse no estado"
Rubén Arroxo: "Lugo é un exemplo de integración, contamos con veciñas e veciños chegados de 108 países distintos"
O acto contou coa lectura dun manifesto elaborado pola artista multidisciplinar Luz Darriba, quen afirmou que "en tempos de racismo e xenofobia, dicir que todas somos migrantes é un acto político necesario"
Lugo, 21 de xullo de 2025. O BNG de Lugo realizou hoxe un encontro aberto con persoas migrantes co obxectivo de amosar o seu apoio e reforzar o compromiso da organización fronte ao rexurdimento de movementos racistas que se están a dar no estado.
Rubén Arroxo, portavoz do BNG de Lugo, afirmou que Galiza e Lugo son zonas "acolledoras e solidarias" e afirmou que "ante o odio e o racismo que vemos a diario, desde o BNG de Lugo quixemos manter un encontro coas persoas migrantes de Lugo para coñecer as súas necesidades e amosar novamente o noso apoio", explicou Arroxo, quen insistiu na importancia de escoitar as voces das persoas migrantes e crear espazos de diálogo para avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Segundo os datos do IGE, Lugo conta con veciñas e veciños chegados de 108 países o que demostra, segundo afirmou Rubén Arroxo, "que somos un exemplo de integración e de convivencia". O portavoz do BNG destacou que Galiza foi históricamente terra de migrantes e que hoxe "temos que transformarnos en terra de acollemento e pluralidade".
O acto rematou coa lectura dun manifesto elaborado pola artista multidisciplinar Luz Darriba, cun texto que aposta por respecto, unidade e defensa dos valores democráticos ante os brotes de racismo, xenofobia ou aporofobia, defendendo a convivencia pacífica e o dereito de toda persoa a buscar unha vida mellor. "Imos defender cada un dos espazos democráticos que tantas vidas custaron; imos dart esta batalla coas armas da razón e do dereito, da xustiza a prol dunha convivencia pacífica e amábel entre os seres humanos", di o manifesto.