"TEMOS UNHA PONTE CON UNHA SINGULARIDADE ÚNICA NA TERRA CHA, CON RISCO DE PERDERSE A CURTO PRAZO SE A CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA NON TOMA CARTAS NO ASUNTO", DIXO A CONCELLEIRA NACIONALISTA ELVIRA LOMBAO
O BNG de Outeiro de Rei, a través do deputado Néstor Rego, denunciou ante a Confederación Hidrográfica a situación na que se atopa a Pontella do Maiordomo en Taboi
"Temos unha ponte con unha singularidade única na Terra Cha, con risco de perderse a curto prazo se a Confederación Hidrográfica non toma cartas no asunto", dixo a concelleira nacionalista Elvira Lombao
Outeiro de Rei, a 25 de marzo de 2024. O BNG de Outeiro de Rei denuncia, a través do Deputado no Congreso, Néstor Rego, o estado de abandono no que se atopa a Pontella do Maiordomo que cruza o río Miño na parroquia de Taboi.
Esta estrutura permite o acceso á Insua do Maiordomo e componse dunha ponte de dous tramos con trabes de carballo que pousan nun tallamar central e táboas encravadas. Trátase dunha construción singular e cunha tipoloxía única na comarca da Terra Chá de Lugo.
"Posúe grande relevancia dentro da cultura popular como elemento arquitectónico" afirmou a concelleira, onde se observan coñecementos e materiais empregados durante séculos no rural da Galiza, como pola súa relación con un modo de vida tradicional baseado na gandería e agricultura e que até hai algúns anos posuía enorme incidencia.
A construción presenta un estado de deterioro moi elevado. Esta situación empeorou nos últimos tempos de modo alarmante, a pesar de que xunto dela discorre un roteiro deseñado polo Concello de Outeiro de Rei, que aproveita un camiño paralelo ao río Miño, mais isto non implica que o Concello poña en valor a pontella nin trate de parar o seu deterioro.
"Tal situación apunta á súa desaparición definitiva a curto prazo o cal suporía unha perda significativa dentro do noso patrimonio cultural" explica Elvira Lombao.
"É preciso que desde a Confederación inicien os trámites e negociacións precisos para acometer as necesarias obras de restauración e posta en valor da Ponte á Ínsua do Maiordomo no Río Miño e impedir que continúe o seu deterioro ", esixiu Lombao.
Que accións vai iniciar para acometer a rehabilitación e posta en valor desta ponte situada cerca do nacemento do río Miño? a posibilidade de asinar un convenio de colaboración co Concello de Outeiro de Rei para recuperar e pór en valor este elemento arquitectónico tradicional e singular?, pregúntase a nacionalista.