O BNG participa na concentración da Plataforma en Defensa da Universidade Pública
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou na concentración xunto coa parlamentaria Olalla Rodil e representantes do BNG nas institucións
Arroxo: “o sistema público de universidades permitiu que moitas persoas puideramos acceder a un ensino de calidade”
Lugo, 02 de xuño de 2021. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo e portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, participou esta mañá xunto coa parlamentaria Olalla Rodil e representantes do BNG nas distintas institucións na concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Universidade Pública, en contra do proxecto de universidade privada que está a levar adiante Abanca. Rubén Arroxo afirmou que “é preciso reforzar a universidade pública para ofertar un ensino de calidade, aproveitando o potencial na investigación en a ciencia co que contan as nosas universidades, o que reverterá no desenvolvemento do País”, e engadiu “o sistema público de universidade permitiu que todas as persoas puidésemos acceder a un ensino de calidade sen ser de familia rica”.
Rubén Arroxo criticou “que o Partido Popular desde o goberno da Xunta facilite a creación dunha universidade privada mentres o as tres universidades galegas perderon 440 millóns de euros só no orzamento adicado á ensinanza universitaria”. Ao analizar tamén o investimento perdido nas partidas adicadas á investigación, o recorte chega a 825 millóns de euros nos últimos 12 anos.
O edil nacionalista afirmou que “as universidades galegas precisan recuperarse dunha década de recortes”, para o que é necesario, segundo afirmou o portavoz nacionalista, “dotalas de máis orzamento para que o sistema universitario galego siga sendo de calidade, que forme ás xeracións presentes e futuras, para que sexan punta de lanza da investigación, da ciencia e do coñecemento, que son as bases para unha Galiza verde, sustentable, de vangarda e con futuro”.