O Goberno de Lugo adquire novas tarxetas cidadás
Rubén Arroxo: “coa entrada en funcionamento das novas liñas de bus queremos animar á veciñanza a obter a tarxeta cidadá”
Coa tarxeta cidadá pode aforrarse ata un 50% no prezo do transporte público
Lugo, 02 de xuño de 2021. O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou a compra por parte do concello de novas tarxetas cidadás. Arroxo explicou que “coa entrada das novas liñas é o momento de que a veciñanza de Lugo se anime a obter a tarxeta, que ademais de reducir o custo de cada viaxe permite tamén axilizar a entrada no bus”.
Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0.19€ sen bonificacións ou só 0.10€ no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público
Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.