O BNG pídelle á Xunta aclarar a situación da estación de autobuses de Vilalba
Olalla Rodil denunciou o mal estado e a falta de información sobre a situación da infraestrutura da Xunta
Lugo, 30 de decembro de 2019. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou a estación de autobuses de Vilalba, xunto con militantes da localidade, para comprobar in situ a situación de abandono na que se atopa a infraestrutura.
A estación, cuxa xestión é da Xunta de Galiza, atópase “nun total estado de abandono reducida a un aparcadoiro de camións e vehículos particulares”, explicou Rodil quen lembrou o investimento público de máis de 109 mil de euros que o Goberno galego anunciou nun proxecto de “humanización da rúa Lois Peña Novo e o acceso á estación”.
“Non pode ser que unha capital de comarca, como Vilalba, e unha vila de arredor de 15.000 habitantes quede sen estación de autobuses” sinalou Olalla Rodil. “Agora a Xunta de Galiza anuncia 40.000 euros para construír unha parada exterior mentres non se aclara o futuro para a estación nin por parte da Xunta nin do Concello”.
A deputada do BNG lembrou que a xestión da estación foi cedida á empresa Arriva que deixou deteriorarse até o extremo a infraestrutura. “Alguén terá que explicar como é posíbel que se desmantele un espazo desta maneira sen que se exixa ningunha responsabilidade”.
Sobre os anuncios dunha posíbel cesión ao Concello de Vilalba, desde o BNG local anuncian que presentarán iniciativas por rexistro para reclamar información e explicacións sobre os usos que prevé dar o goberno vilalbés á estación mais tamén das condicións en que se producirá esa cesión por parte da Xunta.
Para Rodil “é inaceptábel deixar no abandono infraestruturas que fan posíbel vivir no rural, e a estación de Vilalba é un reflexo da política que o Partido Popular está a facer co transporte”. Neste senso, lembrou que no Plan de Transporte da Xunta só hai unha liña de autobús, a que conecta A Coruña con Lugo, con parada en Vilalba. “O Partido Popular fala da lexislatura do rural pero despois deixa sen servizos e sen comunicacións comarcas como a Terra Chá”.