O BNG presenta a campaña “Mellor local, mellor galego”, en apoio ao comercio local
Olalla Rodil subliñou a necesidade de apostar pola compra de produtos galegos para axudar á reactivación económica e social
Olalla Rodil “axudar coas nosas compras as produtoras e produtores galegos”
Lugo, 11 de decembro de 2020. O Bloque Nacionalista Galego na Comarca de Lugo presentou hoxe na Praza de Abastos de Lugo a campaña “Mellor local, mellor galego” coa que a anima a mercar produtos de comercio local e de proximidade, no que neste contexto marcado pola crise da COVID-19 é fundamental para axudar á reactivación económica e social
Para dar comezo a esta campaña, o BNG elixiu a Praza de Abastos de Lugo como un exemplo do obxectivo desta, “este é un espazo onde podemos atopar o mellor dos produtos da nosa Terra e da bisbarra de Lugo, onde este mercado local garante a proximidade e a calidade dos produtos que xeramos neste país” destacou a viceportavoz parlamentaria do BNG e deputada por Lugo, Olalla Rodil.
Desde o bloque animamos ao consumo de proximidade, fundamental durante todo o ano, moi importante nestas datas de Nadal, e por riba, máis nun contexto marcado pola pandemia da COVID-19.
Olalla Rodil sinalou que “desde o BNG animamos a axudarmos como sociedade e como país, como por exemplo a todas as autónomas e autónomos que tantos empregos xeran do noso país que os están pasando tan mal”
Para poder garantir o futuro do sector e paliar os efectos desta crise sanitaria, o BNG propón un paquete de medidas concretas, como por exemplo, a creación dunha plataforma online para o comercio galego como unha ferramenta para o comercio local ou tamén unha nova Lei de comercio, que poña fin a liberalización do PP respecto aos periodos de rebaixas, apertura de festivos e os desequilibrios de horarios comerciais.