"SEGUIMOS TRABALLANDO NO PARLAMENTO PARA QUE A XUNTA ASUMA AS SÚAS RESPONSABILIDADES E ADOPTE DE MANEIRA INMEDIATA AS MEDIDAS PRECISAS", DESTACOU A NACIONALISTA

O BNG presenta iniciativas no Parlamento para reclamar á Xunta que remate con urxencia as obras do IES Lucus Augusti

A deputada Montse Valcárcel demanda que a Consellería de Educación garanta a protección do patrimonio do centro e a normalidade da actividade docente

"Seguimos traballando no Parlamento para que a Xunta asuma as súas responsabilidades e adopte de maneira inmediata as medidas precisas", destacou a nacionalista

O BNG presenta iniciativas no Parlamento para reclamar á Xunta que remate con urxencia as obras do IES Lucus Augusti




Lugo, 21 de setembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento de Galiza unha iniciativa a través da que demanda á Xunta que actúe de inmediato para rematar con garantías as obras de rehabilitación do IES Lucus Augusti, o instituto máis antigo de Galiza e un centro de referencia histórico e social en Lugo.

As deputadas Montse Valcárcel, Mercedes Queixas, Olalla Rodil e Cristina Fernández Davila denunciaron que as actuacións realizadas durante o curso 2024/25 "non respectaron o valor patrimonial do instituto nin garantiron as condicións mínimas para o desenvolvemento da actividade docente".

Segundo explicou Montse Valcárcel, a comunidade educativa sufriu graves prexuízos, xa que "non se protexeron axeitadamente os libros, o mobiliario nin as estancias patrimoniais, realizáronse traballos en pleno curso escolar, e a día de hoxe a situación é a dunha rehabilitación incompleta, con aulas sen portas, cableado á vista, problemas de conexión a internet e espazos fundamentais inutilizados como a biblioteca, a sala do profesorado ou o salón de actos".

A nacionalista considera inaceptable que tras un ano enteiro de obras o instituto se atope "a medio facer, con multitude de deficiencias e unha sensación xeralizada de abandono". Por iso reclama á Xunta que actúe con responsabilidade e poña os medios necesarios para garantir que o IES Lucus Augusti recupere canto antes a súa plena actividade, preservando ao mesmo tempo o seu valor patrimonial.

"O BNG seguirá traballando no Parlamento para que a Xunta asuma as súas responsabilidades e adopte de maneira inmediata as medidas precisas que permitan rematar as obras con todas as garantías, asegurando a protección do patrimonio e o dereito a un ensino público de calidade", concluíu Valcárcel.

O BNG presenta iniciativas no Parlamento para reclamar á Xunta que remate con urxencia as obras do IES Lucus Augusti