O BNG presentou o cartaz  co que pedirá o voto para “facer valer” Lugo no Congreso e o Senado

Presentación de cartaz con candidatas e candidatos
Presentación de cartaz con candidatas e candidatos

 As candidatas e candidatos da formación percorrerán a provincia para explicar as propostas nacionalista de cara ao 10 de novembro

O BNG presentou o cartaz  co que pedirá o voto para “facer valer” Lugo no Congreso e o Senado

Lugo, 31 de outubro. O BNG presentou esta tarde o cartaz co que pedirá o voto durante a campaña electoral ás eleccións xerais do 10 de novembro. 

As candidatas e candidatos nacionalistas ao Congreso e ao Senado por Lugo estiveron arroupadas por militantes e simpatizantes da formación, que se marca como obxectivo “facer valer” Lugo e Galiza nas cámaras lexislativas estatais.

Na súa intervención, a cabeza de lista ao Congreso, Olalla Rodil, sinalou que “debemos confiar en nós mesmas e nas posibilidades deste pais e converter esta convocatoria electoral froito da irresponsabilidade das forzas estatais nunha oportunidade para que Galiza teña voz propia en Madrid”.

Cartaz de Olalla Rodil, candidata nº 1 ao Congreso

O histórico déficit de infraestruturas da provincia, no que ten que ver coa rede ferroviaria e con estradas e autovías, será un dos eixos centrais da campaña da formación nacionalista que tamén reivindicará a necesidade de “ter voz no Congreso” para reclamar a derrogación da reforma laboral e a revalorización das pensións tendo en conta o incremento do IPC, impulsar unha axenda feminista que avance na prevención e tratamento da violencia de xénero e demandar unha tarifa eléctrica galega que permita que o tecido industrial e os consumidores se poidan beneficiar da produción enerxética do país. “Só se o BNG está no Congreso, os intereses de Galiza e da provincia estarán representados”, evidenciou Olalla Rodil.

Nos vindeiros días, as candidatas e candidatos do BNG percorrerán a provincia para explicar as propostas da formación de cara ao 10N. 

Os actos centrais da campaña na provincia serán o vindeiro 2 de novembro, con mítins en Lugo (12:00horas) e Burela (18:00 horas) con presenza da portavoz nacional, Ana Pontón. 

 

O BNG presentou o cartaz  co que pedirá o voto para “facer valer” Lugo no Congreso e o Senado