A EMPRESA PÚBLICA DO CONCELLO, EVISLUSA, PODERÍA ASUMIR ESTA FUNCIÓN E O CONCELLO CONTA CON INSTALACIÓNS PRODUTORAS QUE NON ESTÁ FUNCIONANDO
O BNG propón que o concello poña en marcha unha comercializadora pública de enerxía
Segundo Rubén Arroxo “o concello obtería un importante aforro e non dependería das grandes eléctricas”
Lugo, 10 de setembro de 2018. “No concello de Lugo danse as condicións idóneas para establecer unha comercializadora e produtora de enerxia eléctrica” afirmou Arroxo e subliñou que “o concello obtería un importante aforro e non dependería das grandes eléctricas”. A empresa pública do concello, EVISLUSA, podería asumir esta función e o concello conta con instalación produtoras que non está funcionando.
Arroxo sinalou que “hai concellos, como o de Barcelona, Cadiz ou Pamplona, que xa puxeron en marcha comercializadoras públicas de enerxía para reducir os gasto eléctrico propio e con posibilidade de que, tamén, as veciñas e veciños se poidan beneficiar”. O BNG propón que a empresa pública do concello, EVISLUSA, se encarge da xestión da comercialización e produción de enerxía electríca.
Neste momento o concello de Lugo está comprando a electricidade no mercado minorista. Ao converterse en comercializadora o concello podería acudir ao mercado maiorista para abastecer as súas instalacións e o alumeado público cun prezo moito máis reducido. Ademais o concello garantiría o seu propio subministro evitando depender das grandes compañías que, como lembrou Arroxo, en algún caso chegaron a cortar a luz dalgunha instalación municipal por discrepancias nos pagamentos das facturas.
O concello de Lugo conta con instalacións produtoras que non están funcionando como a Fábrica de Luz ou a instalación de paneis solares e aeroxenerador do Ceao. Coa proposta do BNG, o concello converteríase tamén en produtora enerxética e así poderíase sacar beneficio destas plantas produtoras ou utilizala para as instalacións propias. “Nos paneis do Ceao, por exemplo, estase tirando enerxía por que a lexislación española non permite que os concellos utilicen ou comercialicen a enerxía que producen” explicou Arroxo.
“Tratariase dunha eléctrica 100% pública e ofrecería enerxía verde, trátariase dun cambio de modelo que permitiría desconectar dos oligopolios eléctricos e ter unha política enerxética propia tanto para os equipamentos do concello como para as veciñas e veciños de Lugo” asegurou Arroxo.
Enerxía Verde
O Pleno da corporación xa aprobara no seu momento unha iniciativa do BNG para que Concello se abastecera a través de proxectos cooperativos de enerxía e que o consumo fose de enerxía verde.
”A nosa proposta permitirá avanzar na xeración de enerxía renovable, na redución do consumo, nun gasto máis racional, na garantía do subministro e na disminución de axentes contaminantes” sinalou Arroxo.