ARROXO SINALOU QUE “A ACTUACIÓN SERÍA MOI SIMPLE, NON SUPORÍA UN GRANDE CUSTO E DARÍA SERVIZO COMO ZONA PÚBLICA DE BAÑO XA QUE O PSOE NON É CAPAZ DE FACELA”
O BNG propón habilitar o pantalán dos Robles como zona de baño libre
“Xa que a Deputación suspendeu o servizo de Catamarán en Lugo, podería aproveitarse o pantalán como acceso de baño ao río” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 30 de abril de 2018. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, propuxo aproveitar as infraestruturas de embarque do catamarán da Deputación que están situadas na zona dos Robles para que as persoas que queiran bañarse poidan utilizalas para o acceso ao río. Arroxo sinalou que “a actuación sería moi simple, non suporía un grande custo e daría servizo como zona pública de baño xa que o PSOE non é capaz de facela” e explicou que “habería que sinalizar a zona e destinar parte do persoal de salvamento que se contrata durante o verán para que se faga un vixiancia específica nesta zona”.
Dende o BNG proponse acometer unha sinalización da zona de baño para evitar que bañistas invadan as zonas máis sensibles ambientalmente pola flora e fauna que posúen. Poderían delimitarse a zona de baño con sinalización flotante para facilitar o traballo do servizo de socorrismo. “Ademais é importante delimitar os espazos a utilizar por bañistas e piragüistas dado que está é unha zona habitual de adestramento” explicou Arroxo e concluíu “o propio Concello de Lugo ten técnicos cualificados cos que se pode contar para establecer as condicións idóneas para a zona de baño libre”.
“Xa que a Deputación suspendeu o servizo de Catamarán en Lugo, podería aproveitarse o pantalán como acceso de baño libre ao río” dixo Rubén Arroxo. O goberno da Deputación decidiu, este ano, deixar inactivas as rutas de catamarán na cidade Lugo e esto supón que o pantalán que se utilizaba para acceder aos barcos quedará sen uso pero podería ser acondicionado para que tivese unha utilidade verdadeira para as veciñas e veciños de Lugo que se achegan ao río durante o verán.
Unha infraestrutura que se orzamenta dende o ano 2011
Arroxo avanzou que “un ano máis, e así ven sucedendo dende que o BNG o propuxo, Lugo quedará sen zona pública de baño”. O voceiro do BNG-AA sinalou que “o goberno municipal do PSOE leva incluíndo nos orzamentos unha partida de 250.000 euros para crear a zona pública de baño dende o ano 2011 e a neste ano 2018 aínda non van ser capaces de executala”. A zona pública de baño é unha proposta do BNG que están na axenda política da cidade dende fai anos e a día de hoxe non existen posibilidades certas de que se execute para este verán.