VARIOS FORMATOS PUBLICITARIOS CON CONTIDO SEXISTA FORON PRESENTADOS POLO BNG COMO EXEMPLOS DAS LIMITACIÓNS QUE DEBE DEFINIR ESTA ORDENANZA

O BNG propón unha Ordenanza de Publicidade que non permita anunciar “o aluguer e venta de persoas"

IMG_6777

Maite Ferreiro denunciou o incremento da publicidade sexista nas festas e sinalou que, en Lugo, “publicítase que, en determinados lugares, se poden adquirir mulleres para utilizar sexualmente”

O BNG propón unha Ordenanza de Publicidade que non permita anunciar “o aluguer e venta de persoas"

Lugo, 12 de outubro de 2018.  A edil do BNG, Maite Ferreiro, reclamou que se empece a traballar na Ordenanza Municipal de Publicidade para regular certos aspectos que neste momento non están sometidos ao control da administración local. Unha vez destarrada o borrado da Ordenanza Mordaza, para o BNG, “compre avanzar na implementación de medidas para mellorar a calidade de vida na cidade e controlar certos aspectos, por exemplo da publicidade, que supoñen un ataque claro ás liberdade das persoas”.

Maite Ferreiro denunciou o incremento da publicidade sexista nas festas e sinalou que, en Lugo, “publicítase que, en determinados lugares, se poden adquirir mulleres para utilizar sexualmente”. Ferreiro amosou imaxes de anuncios publicitarios en diversos formatos “nos que se ofrece a posibilidade de mercar ou alugar mulleres para o seu uso con fins sexuais” e engadiu “en todos os casos que atopamos na rúa se trata de empresas que se lucran do uso das mulleres como obxecto sexual”.

Ferreiro lembrou que o BNG puxo esta cuestión enriba de mesa en numerosas ocasións e dixo que “non se fixo nada a pesares dos pronunciamentos plenarios e do propio Foro de Igualdade no que atinxe á publicidade sexista e machista que se pode ver en moitos puntos deste concello”. Ferreiro lembrou que “a pesares de que no ano 2013 se chegou a presentar un borrador, os gobernos socialistas deste concello foron incapaces de concluír unha ordenanza reguladora da publicidade exterior que poida poñer veto a todas as barbaridades que se ven nas rúas de Lugo día tras día”.

No mes de setembro do ano 2013 o BNG propuxo, no Foro de Igualdade do concello de Lugo, que o goberno regulase a publicidade para que non se denigrase a imaxe da muller. Ademais, segundo lembrou Maite Ferreiro, o Pleno municipal aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposición do BNG que incluía o mandato ao concello de elaborar unha ordenanza reguladora da publicidade que garantise que non se poida denigrar a imaxe da muller, nin empregala como reclamo publicitario. A edil nacionalista remarcou que “a inclusión destas cuestións nunha nova ordenanza suporá un traballo eficaz no control do uso da imaxe da muller como reclamo” e “evitariamos ter que soportar a exiestencia de cartelóns de publicidade, á entrada do concello de Lugo, onde o corpo da muller se utiliza como reclamo e se da a entender que en determinados lugares se poden adquirir mulleres a prezo de saldo”.

O BNG propón unha Ordenanza de Publicidade que non permita anunciar “o aluguer e venta de persoas"