DENDE O BNG ADVERTIUSE QUE “NESTES 21 ANOS DE EXISTENCIA NON SE RENOVOU O CESPEDE NINGUNHA VEZ”
O BNG propón a renovación do cespede do Estadio Gregorio P. Rivera para a práctica do rugby e atletismo
“Máis de 200 persoas fan uso das instalación do Gregorio Pérez Rivera semanalmente” dixo Arroxo
Lugo, 13 de novembro de 2018. Rubén Arroxo anunciou que o BNG levará unha iniciativa para que se planifique unha renovación completa do céspede do estadio Gregorio Pérez Rivera. Arroxo sinalou que “hai que ter en conta as condicións técnicas máis acaídas para a mellora de drenaxe e mantemento durante todo o ano que permitan unha práctica deportiva o máis óptima posible”. Arroxo lembrou que este estadio é habitualmente utilizado para a práctica da rugby e cada vez son máis os usuarios desta instalación.
A día de hoxe unha das melloras que quedan pendentes son a do céspede, dado que nestes 21 anos de existencia non se renovou ningunha vez, o cal provoca que nos meses de inverno amose unha situación bastante lamentable, onde se pode ver máis aló da lameira na que se converte, como existen pozas que levan no mesmo punto dende hai case dúas décadas, cuestión que como é obvia dificulta a práctica do rugby nunhas condicións minimamente acaídas.
Cómpre ter en conta que a día de hoxe hai uns 200 practicantes semanalmente de dito deporte, onde se mantén tanto equipa feminina, como masculina, como de categorías inferiores, o cal obriga a un mantemento moito maior do existente. Noutras cidades e vilas instalacións destas características renóvanse cunha periodicidade anual, polo que non é xustificable que no caso de Lugo non tivese nin unha soa intervención en todo este tempo.
Para o BNG “é necesario que esta renovación teña lugar unha vez rematada a tempada 2018-2019, para evitar molestias ás persoas usuarias, e nunhas datas coordinadas cos clubs e representantes dos deportes usuarios da instalación para evitar problemáticas polos calendarios de competicións”. Segundo explicou Arroxo o Estadio Gregorio Pérez Rivera é unha das instalacións nas que conviven diferentes prácticas deportivas, pero especialmente a do atletismo e o rugby “no último ano viñéronse facendo unha serie de melloras necesarias na instalación, dado o destacado deterioro que mantiñan varios dos seus elementos, nunha instalación que é do ano 1997 e que tivo un mantemento moi escaso ata o de agora” afirmou.