NAS PLACAS HAI TEXTOS DE INSIGNES PERSOAS DA LITERATURA GALEGA COMO ROSALÍA DE CASTRO, MANUEL MARÍA OU CASTELAO
O BNG propón a restauración das placas dos escritores na pza. Maior e na rúa Bispo Aguirre
“O desgaste pola limpezas reiteradas borrou parte dos textos e é o momento de recuperar estes elementos” dixo Maite Ferreiro
Lugo, 31 de xullo 2018. O BNG presentará un rogo no concello de Lugo para que se faga unha recuperación e restauración das placas adicadas a escritores na pza. Maior e na rúa Bispo Aguirre. A edil Maite Ferreiro explicou que “o desgaste pola limpezas reiteradas borrou parte dos textos e é o momento de recuperar estes elementos”. Ademais algún dos bustos de escritoras e escritores están deteriorados e poderíanse restaurar.
A maior parte das 9 placas adicadas a escritoras e escritores que están situadas na pza. Maior e na rúa Bispo Aguirre sufren danos polo vandalismo ou teñen desgastadas as letras do texto literario que conteñen. As 9 placas, colocadas sobre 7 soportes de granito, están adicadas a: Manuel María, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Rosalía de Castro, Ramón María de Valle-Inclán, Eduardo Pondal, Ramón Otero Pedrayo, Uxio Novoneyra, Álvaro Cunqueiro e Manuel Curros Enrriquez.
Para o BNG “o correcto mantemento destes elementos ornamentais de contido cultural e identitario, forma parte da imaxe da cidade por estar situadas na zona máis concorrida e visitada de Lugo”. Segundo Maite Ferreiro “trátase dunha intervención de mínimo custo para o concello e que melloraría considerablemente a estética da zona máis céntrica da cidade”.