O CONCELLO IMPUXO MÁIS DE 24.000 MULTAS CUNHA RECADACIÓN DE ENTORNO A 2 MILLÓNS DE EUROS NO ANO 2017 E MÁIS DE 9.000 FORON SANCIÓNS DOS RADARES
O BNG propón sinalizar os radares para mellorar a súa función disuasoria e evitar as multas “por despiste”
“Os radares teñen que ter como obxectivo o calmado do tráfico, e non ser máquinas recaudatorias” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 11 de xullo 2018. O BNG propuxo sinalizar os radares de control de velocidade do tráfico que son de titularidade municipal. Neste momento existen dous radares fixos na ronda da Muralla, un na Av. de Madrid e outro na Av. Infanta Elena. “Noutros lugares como, por exemplo, Euskadi os radares están perfectamente sinalizados indicando a velocidade que non se debe exceder para cumprir coa súa función e non son, como aquí, auténticas trampas cunha función recadatoria” explicou Rubén Arroxo.
Para o BNG “sería un avance na cidade que estes radares se sinalicen e así se eviten unha parte da sancións que se dan por despiste das persoas que conducen nas zonas limitadas” ademais, Arroxo apuntou “Lugo podería converterse nun exemplo para outras cidades galegas e do estado”. Arroxo colocou, simbolicamente, un sinal de 30 nun dos radares da ronda para exemplificar a actuación proposta.
O concello de Lugo impuxo, no ano 2017, 24.419 sancións e un total de 9.224 multas foron debidas aos radares que están situados en diferentes puntos da cidade e recadáronse entorno a 2 millóns de euros. Para o BNG o concello non pode utilizar os radares como máquinas recadatorias, se non como medidas preventivas para calmar o tráfico.