RUBÉN ARROXO AFIRMOU “A PUBLICACIÓN DO BANDO DA ALCALDESA ESTIVO MOI BEN, PERO AGORA HAI QUE EMPEZAR A DARLLE USO”
O BNG proponlle á alcaldesa que aplique o bando de limpeza de fincas nos terreos de propiedade pública
“Nas inmediacións da urbanización da campiña, hai terreos de propiedade pública que deberían rozarse para previr lumes que poidan afectar ás casas” dixo Arroxo
Lugo, 25 de outubro de 2017. Despois da publicación do bando da alcaldía para promover a limpeza e mantemento de terreos, o voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo que se empece por dar exemplo e actuar sobre espazos que son propiedade pública. Arroxo referiuse ao entorno da urbanización de Castro-Gil onde existen terreos de titularidade pública e privada e que teñen acumulada vexetación e onde se veñen dando incendios en diferentes anos. Rubén Arroxo afirmou “a publicación do bando da alcaldesa estivo moi ben, pero agora hai que empezar a darlle uso”.
Arroxo explicou que, segundo o bando da alcaldía publicado no BOP, O bando afecta a todas as parcelas, independentemente do tipo de solo no que se sitúen: urbano, urbanizable delimitado, urbanizable non delimitado ou non urbanizable, a obriga de proceder ao roce e limpeza das mesmas, coa finalidade de evitar as importantes molestias que lles ocasionan ás colindantes. No caso da urbanización da Campiña toda a zona sur-oeste está rodeada por masas arbóreas e de matogueira que poderían supoñer un perigo para as casas en caso de incendio.
O voceiro do BNG apuntou que “sería un bo xeito de amosar a utilidade deste bando emitido onte e de dar exemplo para que toda a poboación se conciencie da importancia de manter limpas as fincas e terreos”. Arroxo pediu que “o concello faga un esforzo para dar exemplo e comprobar o cumprimento deste bando”. “Parece que o concello vai ter, a partir de agora, unha ferramenta útil para poder actuar de xeito subsidiario naqueles terreos nos que exista perigo de lume” admitiu Arroxo e engadiu que “con esta normativa darase resposta á demanda de moitas veciñas e veciños preocupados por que o lume puidera afectar aos seus inmobles”.
Naqueles predios en que non exista alto risco de incendios, emitirase unha resolución por parte da Alcaldía ordenando o desbroce do soar nun breve prazo de quince días, coa incoación de expediente sancionador e apercibimento de execución subsidiaria, tal e como establece o artigo 336 do Decreto 143/2016, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia. Nos que exista alto risco de incendios co informe xustificado polo Corpo Municipal de Bombeiros, ordenaráselle á propietaria ou propietario a roza nun prazo inminente, procedendo este Concello ao mesmo en caso de incumprimento por execución subsidiaria e posterior tramitación dun expediente sancionador, recollido no artigo 164 da Lei 2/201 6, de 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia.