A ALCALDÍA DICTOU UN BANDO NO QUE SE ANUNCIAN MODIFICACIÓNS PARA QUE O CONCELLO POIDA ACTUAR DE XEITO SUBSIDIARIO SE OS PROPIETARIOS NON CUMPREN COA SÚA RESPONSABILIDADE
As xestións do BNG provocan un avance para previr os lumes nos solares abandonados
“Foron moitas as persoas que se apoiaron no BNG para reclamar esta necesaria actuación do concello” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 24 de outubro de 2017. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, aplaudiu a decisión do goberno municipal de emitir un bando para promover promover a limpeza e mantemento de soares coa finalidade de previr incendios e lembrou que “foron as presións veciñais e as xestións do BNG as que provocaron este avance na prevención de lumes, a mellora da limpeza en moitas zonas e a solución para moitas veciñas e veciños que se vían impotentes ante a falta de solución para a maleza que medraba en terreos colindantes ás súas vivendas”.
Arroxo informou que, segundo o bando da alcaldía publicado no BOP de hoxe, o Concello de Lugo comeza unha campaña para promover a limpeza e mantemento de soares coa finalidade de previr incendios. O bando indica, tamén, que todas as persoas propietarias de parcelas, independentemente do tipo de solo no que se sitúen: urbano, urbanizable delimitado, urbanizable non delimitado ou non urbanizable, a obriga de proceder ao roce e limpeza das mesmas, coa finalidade de evitar as importantes molestias que lles ocasionan ás colindantes.
O voceiro do BNG pediu que “o concello faga un esforzo para que sexan os inspectores municipais quen comprobe o cumprimento deste bando e evitar así que teñan que ser denuncias entre veciños as que saquen á luz os incumprimentos desta norma”. “Parece que o concello vai ter, a partir de agora, unha ferramenta útil para poder actuar de xeito subusidiario naqueles terreos nos que exista perigo de lume” admitiu Arroxo e engadiu que “con esta normativa darase resposta á demanda de moitas veciñas e veciños preocupados por que o lume puidera afectar aos seus inmobles”.
Naqueles predios en que non exista alto risco de incendios, emitirase unha resolución por parte da Alcaldía ordenando o desbroce do soar nun breve prazo de quince días, coa incoación de expediente sancionador e apercibimento de execución subsidiaria, tal e como establece o artigo 336 do Decreto 143/2016, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia. Nos que exista alto risco de incendios co informe xustificado polo Corpo Municipal de Bombeiros, ordenaráselle á propietaria ou propietario a roza nun prazo inminente, procedendo este Concello ao mesmo en caso de incumprimento por execución subsidiaria e posterior tramitación dun expediente sancionador, recollido no artigo 164 da Lei 2/201 6, de 10 de febreiro de 2016, do Solo de Galicia.