A XUNTA DE GALIZA TEN NO BARRIO DA TINERÍA VARIAS VIVENDAS, O BNG PROPÓN QUE SE PUNTÚE O FEITO DE TER ACTIVIDADE NO CENTRO AO ADXUDICAR OS ALUGUEIROS
O BNG proporá que as persoas que traballen no Casco Histórico teñan facilidades para vivir no barrio
O BNG presentará unha iniciativa para que as persoas que traballen no casco histórico teñan opción a aluguer de vivenda pública
Lugo, 13 de decembro de 2018. O voceiro do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e a Parlamentaria Olalla Rodil anunciaron a presentación no Parlamento Galego dunha iniciativa para solicitar que as persoas que traballen no casco histórico teñan facilidades para vivir no barrio da Tinería. “No noso modelo de cidade está manter os barrios vivos e o caso da Tinería é un claro exemplo onde a administración ten as ferramentas para potenciar a vida no barrio se implementa as medidas necesarias, como neste caso promover que as persoas que traballan no barrio, vivan no barrio” explicou Arroxo.
A Xunta ten un baremo para adxudicar en alugueiro as vivendas que son de propiedade pública no barrio da Tinería. Neste momento hai persoas que emprenden actividades e non conseguen que obter a puntuación necesaria para poder acceder a un alugueiro nas vivendas propiedade do IGVS. O BNG presentará unha iniciativa para que as persoas que teñan negocios no centro da cidade e traballen neles teñan opción a aluguer de vivenda pública.
“Se queremos que o barrio se manteña vivo e contribuír a que funcionen as iniciativas de actividade económica, hai que dar as máximas facilidades” dixo Rubén Arroxo e engadiu “é evidente que debe existir un baremo para a adxudicación e entendemos que o establecido na actualidade é correcto, pero entendemos que tamén hai que valorar ás persoas que traballen no entorno do centro da cidade e no propio barrio da Tinería”.