O BNG realiza unha nova acción simbólica para visibilizar o abandono do barrio da Tinería
O portavoz do BNG lembrou que o proxecto foi iniciado cando o BNG estivo no goberno da Xunta “e foi abandonado coa chegada de Feijoo ao goberno”
“O PP paralizou proxectos cuxa elaboración xa estaba licitada, como a recuperación do Pazo de Dona Urraca”, explicou Rubén Arroxo
Lugo, 24 de marzo de 2021. As concelleiras e concelleiros do BNG no concello de Lugo colocaron no barrio da Tinería unha pancarta co lema “A tinería para cando?”, e coa etiqueta #AmañadeATineríaXa, coa que pretenden visibilizar o abandono do proxecto de rehabilitación iniciado polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza, e que leva xa 4406 días paralizado. O portavoz nacionalista, Rubén arroxo, explicou que “desde a volta do Partido Popular ao goberno galego paralizouse unha actuación moi importante e necesaria para o centro de Lugo”.
O proxecto comezado no bipartito polo BNG, cuxo investimento ascendeu a máis de 30 millóns de euros, gañou o Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU. Rubén Arroxo criticou que “o estado no que se atopa esta zona da cidade, despois do impulso feito pola Consellería de Vivenda para rehabilitalo”, e comparouno “co impulso que desde o BNG estamos a facer no goberno do Concello de Lugo para mellorar a imaxe da Muralla”.
Rubén Arroxo explicou que “a chegada de Feijoo á Xunta de Galiza supuxo paralizar proxectos cuxa elaboración xa estaba licitada, como a recuperación do Pazo de Dona Urraca ou a escavación da UI-7, onde se atopan os fornos”. “As representantes do BNG no Parlamento Galego levan desde o ano 2009 esixindo á Xunta de Galiza que continúe este proxecto”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “estes proxectos teñen un gran potencial, dado que se poderían converter nun gran atractivo turístico para a cidade de Lugo”.