O BNG reclama investimentos no barrio da Tinería para o 2022

A parlamentaria Olalla Rodil anunciou emendas para “continuar a rehabilitar o barrio máis antigo da cidade avanzando na creación de vivenda pública”

Rodil visitou a zona con concelleiras e concelleiros do BNG e afirmou que “continuamos a ver como ano tras ano o Partido Popular se esquece de Lugo”

O BNG reclama investimentos no barrio da Tinería para o 2022

Lugo, 04 de novembro de 2019. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou o barrio da Tinería, onde anunciou que o BNG presentará emendas para os orzamentos da Xunta de Galiza destinadas a “retomar o proxecto de rehabilitación deste barrio, despois de 12 anos de abandono do Partido Popular”. A deputada comparou os investimentos actuais na Tinería coa época na que o BNG tivo responsabilidades no goberno galego “período no que se investiron máis de 21 millóns de euros neste barrio”

Olalla Rodil lembrou que "as excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7, onde se atoparon fornos, paralizouse coa chegada de Feijóo". A día de hoxe o espazo dos fornos está valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade. A deputada do BNG destacou que "as propias escavacións poderíanse converter nun centro de investigación e nun polo de atracción de visitantes para a cidade".

Olalla Rodil lembrou que o proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego  que fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

 

“Precisamos recuperar este espazo, seguir rehabilitando os edificios públicos deste barrio e levar adiante proxectos que poñan a Lugo no mapa e que doten á cidade de máis servizos e vivenda pública”, sentenciou Olalla Rodil

O BNG reclama investimentos no barrio da Tinería para o 2022