O BNG reclama nas institucións unha solución “urxente e rigurosa” para o viaduto da A-6
O BNG critica a falta de implicación do Goberno central e reclama calendario con prazos para a recuperación
Maite Ferreiro: “o goberno do estado ten que garantir a recuperación do treito afectado e actuar no trazado alternativo para garantir a seguridade viaria”
Lugo, 16 de xuño 2022. Representantes institucionais do BNG dos distintos concellos afectados polo derrubamento do viaduto da A-6 desprazáronse ata a zona afectada para coñecer in situ o estado desta infraestrutura tras o colapso que provocou o seu derrubamento a pasada semana. A portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, declarou que “de cara ao vindeiro pleno presentamos unha moción na que reclamamos ao goberno do Estado unha solución urxente e rigurosa para o treito afectado, ao mesmo tempo que solicitamos que actúen no trazado alternativo para garantir a seguridade viaria”.
A proposta do BNG na Deputación de Lugo únese ás distintas propostas realizadas pola organización nacionalista nas distintas administracións, onde tamén se reclama, por parte do Goberno do Estado, unha investigación transparente e independente que permita coñecer as causas do sinistro e dirimir responsabilidades.
“A A-6 é unha infraestrutura clave para Galiza que está sendo tratada como un asunto menor por parte do goberno do Estado”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “se isto acontecese noutras zonas, xa teriamos prazos de recuperación da infraestrutura”.
Entre as distintas propostas do BNG inclúese unha auditoría da totalidade da A-6, para o que se solicitou xa no Congreso a comparecencia da Ministra de Transportes. Maite Ferreiro explicou que “vemos necesario coñecer as causas deste derrubamento e coñecer o estado xeral de todo o trazado da A-6 para garantir aos centos de persoas que día a día circulan por esta infraestrutura que todo o percorrido é seguro”.