O Grupo Municipal do BNG non apoiará o PXOM no pleno deste venres
O responsábel local, Felipe Rivas, explicou que “o conxunto da Asemblea Local do BNG decidimos manter a coherencia co traballo feito ao respecto do PXOM, dado que a aprobación de hoxe non cambia o fondo”
Felipe Rivas: “desde o BNG sempre apostamos por un modelo de cidade máis sustentábel, acorde á realidade actual de Lugo”
Lugo, 15 de xuño 2022. A asemblea Local do BNG vén de decidir o voto en contra das e dos concelleiros do Grupo Municipal do BNG no pleno extraordinario deste venres, onde se someterá a votación o coñecido como 5% pendente do PXOM. O Responsábel Local do BNG, Felipe Rivas, explicou que “o conxunto da Asemblea Local decidimos manter neste pleno unha postura coherente co traballo feito polo BNG desde o minuto 1 da tramitación deste Plan Xeral”.
A Asemblea Local do BNG valorou positivamente parte das modificacións introducidas no proxecto que se someterá a votación este venres, “un exemplo é a supresión dos terreos urbanizables na zona rural, unha reclamación histórica do BNG desde o comezo da tramitación deste PXOM”, mais desde a formación nacionalista defenden que “os cambios puntuais non cambian o conxunto do Plan Xeral, que desde o BNG seguimos calificando como alonxado da situación actual da cidade”, segundo declarou Felipe Rivas.
O Responsábel Local do BNG afirmou que “continuaremos a apostar por un modelo de cidade sustentábel, que vaia da man coa realidade do Concello, e que sexa verdadeiramente útil para as veciñas e veciños de Lugo”.