O BNG recolle sinaturas contra a suba da tarifa eléctrica na Milagrosa

Rubén Arroxo: "a pesar de que na Galiza producimos enerxía para todo o estado, as galegas e galegos pagamos a luz ao mesmo prezo que Madrid" 

O BNG recolle sinaturas contra a suba da tarifa eléctrica na Milagrosa

Lugo, 12 de xullo de 2021.O BNG colocou esta tarde na rúa Menorca unha mesa informativa e de recollida de sinaturas sobre a tarifa eléctrica, continuando coa campaña que está a desenvolver contra a suba do prezo da luz. O Portavoz do BNG e Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que "na Galiza producimos enerxía para todo o estado, pero as galegas e galegos non recibimos ningún beneficio". Segundo Arroxo, "o territorio galego está cheo de infraestruturas para xerar electricidade, mais pagamos a luz ao mesmo prezo que Madrid". 

 

O BNG defende a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, ademais dun IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora ao consumo de electricidade. Arroxo explicou que "a luz é un producto de primeira necesidade, non un artigo de luxo". Ademais, o BNG defende a supresión do imposto especial da electricidade.

 

"Se unha familia non quere pagar máis pola luz, coa tarifa actual ten que facer actividades como poñer a lavadora ou pasar o ferro a partir das doce da noite, un horario incompatible coa conciliación nin co descanso", explicou Arroxo, que engadiu "as empresas e familias galegas precisamos deixar de pagar a factura da luz máis cara como compensación ao gran impacto ao noso territorio que supón xerar enerxía".

O BNG recolle sinaturas contra a suba da tarifa eléctrica na Milagrosa