ARROXO: "APOIAMOS A RECLAMACIÓN DA VECIÑANZA, QUE SOLICITA COÑECER A REALIDADE DO ACONTECIDO COA VENTA DESTES TERREOS"

O BNG reúnese coa veciñanza de Paradai afectada pola construción nunha zona inundable do río Rato


Arroxo: "Apoiamos a reclamación da veciñanza, que solicita coñecer a realidade do acontecido coa venta destes terreos"

"Sorpréndenos a posición do PP, parece máis próxima ao promotor que á veciñanza", afirmou

O BNG reúnese coa veciñanza de Paradai afectada pola construción nunha zona inundable do río Rato



Lugo, 24 de abril de 2025. O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado do concelleiro, Alexandre Penas, e representantes da asociación ADEGA, acudiron a reunirse coa veciñanza de Paradai afectada pola posible construción de edificacións na contorna do río Rato. "Trasladamos o noso apoio aos colectivos que están investigando posibles irregularidades e que apostan pola defensa da contorna do río", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "desde o BNG seguiremos a defender que os ríos non son para edificar, deben ser protexidos para dar continuidade ao importante cinto verde que temos en Lugo".

Arroxo afirmou que "o PP, amparado nun PXOM que non foi aprobado por unanimidade, ponse do lado de quen pretende impulsar edificacións nunha área que debería estar protexida polos seus valores naturais e pola súa función como zona de desaugadoiro en caso de crecidas do río". Arroxo lembrou que o PXOM de Lugo permite a construción diferentes áreas que deberían contar con maior protección, "unha das moitas cuestións que levaron ao BNG a pronunciarse en contra deste planeamento urbanístico", dixo. Rubén Arroxo explicou que a venta destes 59.382 metros cadrados de terreo foron vendidos nos últimos momentos do goberno do PP na Deputación.

O BNG continuará a traballar para "defender o dereito a gozar de zonas verdes mentres o PP se sitúa ao lado da especulación urbanística", dixo Arroxo, que engadiu "seguiremos defendendo unha cidade sostible, na que as zonas verdes, e especialmente a contorna do Río Rato sexa unha mostra de orgullo para as veciñas e veciños".

O BNG reúnese coa veciñanza de Paradai afectada pola construción nunha zona inundable do río Rato