O BNG rexeita a Lei de acompañamento do PP para modificar leis “pola porta de atrás” e furtando o debate social e parlamentario

Olalla Rodil na palestra do Hórreo
Olalla Rodil na palestra do Hórreo

Rodil acusou ao PP de instrumentalizar o procedemento para introducir reformas alleas aos orzamentos

O BNG rexeita a Lei de acompañamento do PP para modificar leis “pola porta de atrás” e furtando o debate social e parlamentario

Santiago, 18 de novembro, 2019. A deputada do BNG, Olalla Rodil rexeitou a lei de acompañamento polo “uso e abuso” do PP para modificar leis “pola porta de atrás” e furtando o debate social e parlamentario. Na súa opinión, o PP utiliza este instrumento que “nada ten que ver cos Orzamentos”.  

 

Este ano, explicou Rodil, o PP modificou tres das cinco leis aprobadas no ano 2019, a Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, sete meses en vigor, a  Lei de administración dixital, tres meses e a lei de Patrimonio, tres meses, e  Lei de patrimonio natural natural e da biodiversidade con dous meses en vigor. Mudanzas, dixo  que son   xustificadas como “puntuais” para “corrixir erros” pero en realidade, representan un claro “exemplo de improvisación”.

 

A deputada lembrou que foron modificadas 30 leis “dun plumazo” ás que  sumou 46 reformas  a través deste sistema desde 2017, é dicir,  “76 leis reformadas por esta vía no que vai de lexislatura”.

 

A deputada fixo fincapé na nula relación das modificacións das leis cos orzamentos entre as que nomenou: A Lei  de caza para autorizar a caza a man e ao salto no caso do xabaril  ou a  Lei de Protección da paisaxe para modificar  os plans de acción que o “PP leva unha década sen executar”.

 

Sobre a  Lei de Fomento da Investigación e  Innovación de Galiza do ano 2013,  é a terceira vez, recalcou a deputada que a reforman a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos. Fixérono en 2015 e 2017 e agora volven outra vez a modificar os contidos mínimos que debe incluir o plan galego de investigación. Para que a  reforman? preguntou. A finalidade non é outra máis que  suprimir o período temporal de vixencia que fixaba en 5 anos, suprimir parte dos contidos mínimos que debe incluír o plan, entre eles a relación de programas que o compoñen, os medios que son necesarios para desenvolvelo e a información precisa para a elaboración destes programas. Para o BNG, a investigación e a innovación resulta un eixo estratéxico para o desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza que non debe regularse “a impulsos, sen diálogo, sen participación e a través da lei de acompañamento”.

 

Pero  despois, ironizou,  están os clásicos. Leis reformadas pola porta de atrás como a Lei do solo para permitir que os promotores de solo urbano non consolidado poidan entregar aos concellos en metálico o 10% do seu valor en lugar de solo, permitir os cambios de uso en construcións que están fóra de ordenación ademáis de manter o solo rústico para  usos prohibidos. É dicir, “no canto de someter a un réxime servero de limitacións os edificios contrarios á  normativa urbanística, facilítanlle unha segunda vida favorecendo usos diferentes.”

 

A Lei de mobilidade de terras, engadiu a ancionalista, tamén foi  reformada en catro ocasións así  como a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais do ano 2007. A esta lei, o único que lle queda da versión orixinal é o nome. E o que sabemos é que Medio Rural quere agora impulsar unha nova”.E para que? Volveu a preguntar a deputada ao que ela mesma respondeu, para “legalizar o convenio asinado pola Xunta e a FEGAMP no mes de abril, relativo ao sistema público de xestión de biomasa e para que os traballos de limpeza das franxas de protección poidan facerse a través de obradoiros de emprego”.

 

Reforman tamén a Lei de servizos sociais, deporte, turismo,  patrimonio cultural,  portos,  augas, cooperativas, saúde, comercio interior,  transporte,   estradas e  inclusión social.

 

Desde o BNG, reiterou a deputada, “nin concordamos, nin apoiamos esta forma de lexislar, especialmente en reformas de calado” e insistiu en que este instrumento do que “abusa” o Partido popular, “furta o debate social e   parlamentario e supón un mecanismo excepcional que o Partido Popular converteu en norma”.

O BNG rexeita a Lei de acompañamento do PP para modificar leis “pola porta de atrás” e furtando o debate social e parlamentario