“ESTAS VÍAS SON USADAS POR UN IMPORTANTE NÚMERO DE VEHÍCULOS DIARIOS, PORÉN O ESTADO É DEPLORABLE”
O BNG solicítalle a Fomento o arranxo das vías de servizo da Ronda Norte
Lugo, 20 de xullo 2017. O BNG solicítalle a Fomento o arranxo do firme das vías de servizo da Ronda Norte, de xeito especial no entorno do polígono das Gándaras. O seu portavoz, Rubén Arroxo explicou que o pavimento da estrada que sae directamente dende dito polígono cara Albeiros está nunha situación de abandono absoluto polo que causa molestias ás persoas que por alí circulan. O propio edil dixo que esa ruta incrementou de forma considerable o tráfico de vehículos nos últimos anos, dado que une directamente a rúa Montefaro co polígono, sendo o percorrido máis curto para chegar á parte central da avenida da Coruña “estas vías son usadas por un importante número de vehículos diarios, porén o estado é deplorable”.
Dende o BNG afirmaron que xa hai anos que algúns veciños presentaron queixas por esta cuestión, malia todo a situación non mudou o máis mínimo “recibimos en varias ocasións queixas de veciños de Lugo que pasan por aí diariamente e xa non saben que facer para que arranxen o firme, polo que non conciben que unha obra relativamente pequena, como é esta, leve tanto tempo atascada no tempo”. O propio concelleiro explicaba que resulta incoherente intentar promover que haxa empresas nos polígonos e que despois as propias institucións non sexan quen de darlle un mantemento acaído aos seus accesos.