MONTSERRAT VALCÁRCEL E RUBÉN ARROXO COMPARECERON PARA ANALIZAR O ‘NON’ POR PARTE DO PP Á SÚA INICIATIVA, LOGO DE QUE NO CONCELLO DE LUGO VOTASEN A FAVOR

O BNG ten por obxectivo alonxar das vivendas as plantas de biometano, entre elas a que se pretende situar no monte veciñal de Coeses

Montserrat Valcárcel e Rubén Arroxo compareceron para analizar o ‘non’ por parte do PP á súa iniciativa, logo de que no Concello de Lugo votasen a favor

Arroxo: “A planta de Coeses é o exemplo do que non debe pasar: foi impulsada pola Xunta sen diálogo co territorio e sen garantías para quen vive alí”

O BNG ten por obxectivo alonxar das vivendas as plantas de biometano, entre elas a que se pretende situar no monte veciñal de Coeses

 

 

Lugo, 10 de xullo de 2025. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montserrat Valcárcel, e o Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, acompañados de cargos do BNG, ofreceron esta mañá unha comparecencia ante os medios na cidade de Lugo para analizar o rexeitamento por parte do PP, a abstención do PSOE e a ausencia de Democracia Orensana, na votación da iniciativa presentada polo BNG no Parlamento galego para establecer unha normativa clara e garantista sobre as plantas de biometano, como a proxectada no lugar de Coeses.

 

Rubén Arroxo cualificou a votación no Parlamento como “unha mostra evidente da incoherencia política do PSOE e do PP, que din unha cousa en Lugo e fan a contraria en Santiago”. Lembrou que “o pasado 29 de maio, o Pleno do Concello de Lugo aprobou por ampla maioría unha moción para reclamar este mesmo tipo de regulacións, coa presenza e apoio da veciñanza de Coeses. Non é comprensible que agora no Parlamento, esas mesmas forzas que, no caso no PP,  contan con dúas concelleiras de Lugo como son Elena Candía e Cristina Sanz, lle dean as costas á xente”.

 

A proposta nacionalista incluía medidas como a fixación dunha distancia mínima de 3.000 metros entre as plantas e os núcleos habitados, restricións ao tránsito de transporte pesado e un control estrito dos materiais empregados e do dixestato resultante. Segundo explicou Montserrat Valcárcel, “estas medidas buscan protexer á veciñanza e evitar a proliferación desordenada de instalacións industriais que poden afectar á saúde, ao medio ambiente e á calidade de vida”.

 

Durante a súa intervención, Valcárcel foi especialmente crítica coa actitude do Partido Popular, ao que acusou de “desvirtuar o debate parlamentario” e “rexeitar solucións que xa están regulando noutras comunidades, como Castela e León, gobernada polo propio PP, ou en países europeos como Alemaña, que conta con plantas de autoconsumo e de menor tamaño”. A deputada insistiu en que “non se trata dunha cuestión teórica, senón dun conflito real, como o que está a vivir a xente de Coeses, que leva máis dun ano mobilizándose contra un proxecto que nunca debería terse declarado estratéxico pola Xunta”.

 

O BNG está en contra de que proxectos industriais prexudiciais se coloquen ao lado das casas sen estudar ben o impacto social e ambiental. “A planta de Coeses é o exemplo do que non debe pasar: foi impulsada pola Xunta sen diálogo co territorio e sen garantías para quen vive alí”, insistiu Arroxo.

 

O Tenente Alcalde amosou o seu compromiso de continuar traballando desde o Concello, a Deputación e co grupo parlamentario do BNG para impedir que a planta de biometano de Coeses siga adiante nas actuais condicións. “Imos seguir do lado da veciñanza, hai alternativas técnicas e hai territorio onde estas plantas poden ter sentido sen poñer en risco a saúde da xente”, concluíu.

 

 

O BNG ten por obxectivo alonxar das vivendas as plantas de biometano, entre elas a que se pretende situar no monte veciñal de Coeses