ARROXO REUNIUSE CO ALCALDE DE MURAS PARA COÑECER O SISTEMA CO QUE O CONCELLO PAGA PARTE DA FACTURA ELÉCTRICA ÁS VECIÑAS E VECIÑOS
“O BNG ten propostas efectivas para reducir o custe da factura eléctrica” dixo Rubén Arroxo
“A tarifa eléctrica galega tería que ser unha realidade e lembrou que o concello de Lugo ten paralizadas dúas plantas de produción eléctrica” afirmou Arroxo
Lugo, 28 de outubro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza co alcalde de Muras, Manuel Requeixo, para coñecer coñecer o sistema co que o concello paga parte da factura eléctrica ás veciñas e veciños. Arroxo destacou que “é evidente que o caso de Muras non é aplicable ao concello de Muras pero está claro que o BNG ten alternativas para reducir o custo da factura eléctrica”. “A tarifa eléctrica galega tería que ser unha realidade e lembrou que o concello de Lugo ten paralizadas dúas plantas de produción eléctrica” afirmou Arroxo.
Rubén Arroxo explicou que, no caso de Muras, “é grazas aos ingresos que o concello obtén pola implantación de parques eólicos no municipio, como se artellaron axudas coas que os veciños recuperan ata 500 euros anuais para compensar os gastos de consumo eléctrico”. Para Arroxo trátase dun exemplo “de cómo dende os propios concellos se poden artellar medidas para amortiguar un dos maiores castigos económicos que está a sufrir a poboación por parte dos oligopolios que controlan a comercialización da enerxía no estado español”.
O BNG considera un escándalo e unha estafa a “vergoñenta escalada de prezos” da factura da luz, que sigue asfixiando a familias e lastrando a competitividade das empresas mentres o lobby eléctrico continúa incrementando os seus millonarios beneficios, 5.600 millóns de euros en 2017. No caso de Galiza engádese a discriminación que supón non obter beneficio algún pese a ser produtora de enerxía e, lonxe de obter un beneficio colectivo, provoca prexuízos ambientais e sociais con disparates como a pobreza enerxética que sofren 190.000 persoas nun país que exporta electricidade a esgalla.
“Hai que falar claro, a luz sube porque os gobernos queren”, denunciou Rubén Arroxo, “que teñamos un dos prezos da electricidade máis altos e por unha lexislación feita a medida das empresas eléctricas” e reclamou “en primeiro lugar, unha tarifa eléctrica galega que lle permita as empresas e as familias beneficiarse da riqueza enerxética do país, unha tarifa diferenciada que xa existe en países como Reino Unido, Suíza ou Alemaña, e que no Estado español ten Euskadi para as súas empresas”. Esta medida permitiría un aforro medio de 200€ na factura da luz ás familias.